Escoitar

Os alumnos da Universidade Popular volverán á súa sede o vindeiro curso

luns, 16 xul 2001
imx452.jpg
Lois Pérez Castrillo
O alcalde de Vigo, Lois Pérez Castrillo, anunciou que no vindeiro curso os alumnos da Universidade Popular volverán ocupar o edificio da súa sede en García Barbón. A Comisión de Goberno aprobou o proxecto para realizar as reparacións que os informes técnicos sinalaron como necesarias para garantir unha total seguridade na ocupación do inmoble.

O edificio da UP foi desaloxado no curso 97-98, por acordo unánime da Xunta Rectora, ao detectarse diversas fendas e deformacións que fixeron temer pola seguridade dos alumnos e o profesorado. Encargáronse diversos informes para determinar o alcance desas deficiencias e tamén para establecer que medidas era necesario aplicar para resolver os problemas existentes.

Eses informes facían dúas recomendacións esenciais: reforzar o forxado da cruxía adxacente á rúa Rosalía de Castro e reforzar as escaleiras de madeira do edificio anexo. Esas son as duas tarefas que se van acometer de inmediato para que o inmoble poida volver a ser utilizado o vindeiro outono. Os traballos adxudicaranse polo sistema de poxa e están avaliados en preto de 10 millóns de pesetas.

Descargar todas as imaxes