Escoitar

José Luis Varela analiza nun libro a arquitetura de Vigo no período 1933-1941

O arquitecto José Luis Varela Alén presentou este xoves o seu libro "Arquitecturas no papel. Vigo 1933/41", no que realiza unha selección de obras arquitectónicas realizadas en Vigo nun período convulso que deu como froito un estilo de escasa vixencia e pouco arraigo, pero que contou con algúns proxectos de excelente calidade.

xoves, 7 xuñ 2007
1181223424arquitetura070607a.jpg
Proxectos que, como o Club Marítimo de Emilio Salgado, a Biblioteca Mariñeira de Francisco Castro e o Edificio para o Aeroporto de Jenaro de la Fuente, poderían supor para os vigueses un motivo de orgullo, segundo afirmou José Luis Varela, fronte ás habituais críticas ao urbanismo da cidade. "O obxectivo fundamental deste libro", dixo o arquitecto, "é que nos demos de conta dos espazos públicos que temos", algúns dos cales contan, na súa opinión, con auténticas "xoias arquitectónicas". Ademais, o libro dá conta da peculiaridade urbanística viguesa consistente en mesturar a tradición de construír con pedra cun novo ideario baseado no tixolo.

Este novo ideario é o que partiu a principios da década dos 30 da Escola de Arquitectura de Madrid e chegou a Galicia da man de arquitectos novos que acababan de titularse e viñan "empapados" de coñecementos vangardistas. Foi unha introdución serodia, na que se mesturaron as linguaxes racionalista, decó e expresionista coas formulacións tradicionais. Entre os nomes destacados deste período están, xunto aos xa mencionados, os de Pedro Alonso, Romualdo Madariaga, Antonio Cominges e Joaquín Vaquero.

A presentación de "Arquitecturas no papel. Vigo 1933/41" tivo lugar este xoves no Concello, nun acto ao que asistiron, ademais do propio autor, o concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, e a xerente do Teatro Fraga-Caixagalicia, Gloria Rodríguez.
Descargar todas as imaxes