Escoitar

Concello e CEP promocionarán a creación dun viveiro de empresas culturais

O Concello e a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) promocionarán a través dun convenio a creación dun viveiro de empresas culturais en Vigo. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 30 de xuño.

mércores, 6 xuñ 2007
A Xunta de Goberno Local, na súa sesión do 23 de abril de 2007, aprobou un convenio entre o Concello de Vigo e a Confederación de Empresarios de Pontevedra para promocionar a creación dun viveiro de empresas culturais en Vigo.

Esta iniciativa está dirixida a dúas empresas, con sede social en Vigo, que se teñan constituído no ano 2007 e desenvolvan a súa actividade durante un ano na sede da CEP. Terán preferencia os proxectos que se refiran a actividades ou servizos culturais e que primen a utilización de novas tecnoloxías da información e comunicación nos sectores audiovisual, de programación ou produción de exposicións, de artes escénicas e/ou musicais.

As solicitudes presentaranse na sede da CEP (Avda. García Barbón, 104-1º andar), dirixidas á Comisión de Admisión e Seguimento do Convenio para a creación do viveiro de empresas culturais. Os candidatos deberán presentar unha solicitude de admisión na que figurarán os datos de identidade e contacto, e unha memoria da actividade que se desempeñará. Nesta memoria incluiranse unha breve fundamentación da solicitude (expectativas e pretensións), un plan de viabilidade avalado por un experto e o número de persoas que utilizarán o viveiro.

O prazo de presentación de solicitudes finaliza o día 30 de xuño de 2007. A valoración e selección de candidaturas será realizarado por unha Comisión de Admisión e Seguimento formada por dous representantes da CEP e dous representantes do Concello de Vigo.

Compromisos das empresas seleccionadas

1.- Entenderanse por emprendedoras as empresas que reúnan os requisitos e condicións de proxecto descritos no convenio.
2.- As empresas seleccionadas para o viveiro de empresas culturais asinarán unha adhesión ao convenio Concello-CEP, á resolución da Comisión de Admisión e Seguimento e un compromiso de aceptación expresa das bases.
3.- A CEP cede o uso do viveiro aos emprendedores a título gratuíto, polo prazo dun ano, de acordo co establecido no convenio.
4.- O emprendedor someterase aos criterios organizativos fixados pola CEP.
5.- O viveiro destinarase a fins formativos e labores secundarios de posta en marcha, sen que o espazo teña a consideración de centro de traballo ou local de actividade.
6.- A Comisión de Admisión será competente para resolver incidencias e poderá rescindir a cesión do viveiro e os servizos concedidos.
7.- Os espazos cedidos non son exclusivos nin excluíntes; a CEP podería darlle outro fin ou destino, dependendo das súas propias necesidades.