Escoitar

Vigo acollerá o Campionato de España de Seleccións Autonómicas para Deportistas Discapacitados Intelectuais

Cerca de 600 deportistas participan do mércores ao domingo en Vigo no V Campionato de España de Seleccións Autonómicas para Deportistas Discapacitados Intelectuais, nas modalidades de fútbol sala, baloncesto, tenis de mesa, atletismo e natación.

martes, 5 xuñ 2007
O Campionato, organizado polas Federacións Galega e Española de Deportes para Discapacitados Intelectuais, será inaugurado nun acto oficial que se desenvolverá no Pavillón Central das Travesas a partir das 19.30 horas do mércores, e no que serán recibidas as 700 persoas, entre deportistas, adestradores e delegados, que participarán en representación de 14 Comunidades Autónomas, todas menos Cataluña, as Illas Baleares e Cantabria. Ademais das seleccións autonómicas, na modalidade de atletismo estará presente tamén a selección de Portugal.

A competición desenvolverase no Pavillón das Travesas o xoves, o venres e o sábado, polas mañás e polas tardes. Desde a Federación Galega de Deportes para Discapacitados Intelectuais, o seu presidente, José Alfonso González, sinala que as maiores opcións para o combinado da nosa Comunidade están en atletismo, modalidade na que Galicia conta cun "equipo forte" que lle pode permitir "subir ao podio".

O domingo, o Campionato chegará á súa fin cunha cerimonia de clausura que se realizará no Auditorio do Centro Cultural Caixanova a partir das 19.30.

O acto de presentación deste evento deportivo tivo lugar este martes ao mediodía na Casa do Deporte e contou coa presenza da concelleira de Deportes, Lucía Molares; a directora xeral para o Deporte, Marta Souto; o director técnico da Federación Española de Deportes para Discapacitados Intelectuais, Javier Gutiérrez; o presidente da Federación Galega, José Alfonso González, e a madriña do Campionato, Eva Carreras, representante viguesa na última edición de Operación Triunfo.