Escoitar

O Verbum recibiu cerca de 17.000 visitas ata o 1 de xuño

O Museo Verbum-Casa das Palabras rexistrou ata o pasado 1 de xuño 16.947 visitantes, máis que en todo 2004 (12.836) e 2005 (14.344). O Verbum mantén, ademais, unha liña ascendente con respecto a 2006, ano no que o museo recibiu un total de 24.357 visitas.

xoves, 7 xuñ 2007
1181218217verbum070607.jpg
A exposición de máis éxito no que levamos de 2007 foi a dedicada ao mundo do xogo e do xoguete, organizada en colaboración coa Fundación Raquel Chaves, e á que se achegaron 7.321 persoas, 3.770 delas en visitas guiadas. O concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, salientou tamén durante a presentación do balance das actividades do museo a grande acollida da exposición dedicada a Andy Warhol, que tan só no mes de maio recibiu a visita de 3.569 persoas, das cales 1.048 acudiron en visitas guiadas.

López-Chaves lembrou como outro logro do Verbum a obtención do "Distintivo de compromiso de calidade turística", outorgado pola Deputación de Pontevedra e o Padroado de Turismo "Rías Baixas", o que, na súa opinión, se corresponde coa aposta do museo pola mellora continua da súa oferta.

Pasando revista aos resultudos dos últimos oito meses, desde o propio museo destacan a resposta dos centros escolares, galegos e das rexións veciñas, non só no referente ás visitas habituais para coñecer o museo, senón tamén ás relacionadas con exposicións de carácter temporal, como a de Andy Warhol, "O xogo e o xoguete" e "África", mostra esta realizada coa colaboración da Asociación AIDA. Outra liña de actividade é a iniciada coa inauguración dos Cubos M e LL, patrocinados polo proxecto "Conta con Elas".

Un dos obxectivos do Verbum para 2007 é abrirse a unha nova visión da arte. Isto fixo que o museo acollese un proxecto de fins divulgativos e comunicativos como a Cow Parade, sendo o lugar de referencia no pintado de vacas e contando con diversas actividades arredor da mostra de arte na rúa, como poden ser os obradoiros para familias.

Así mesmo, o Verbum experimentou con outras modalidades comunicativas, desde actividades centradas no mundo da banda deseñada (coa exposición dedicada ao cómic galego "BD Banda") ata proxectos relacionados co cine, concretamente da curtametraxe, co certame "Secuencia Cero", organizado no marco do II Certame de Documental e Vídeo.

Ademais, desde o Verbum fan unha mención á parte a actividades artísticas realizadas na terraza do museo no verán pasado, que abrangueron os campos da poesía e da danza como propostas de futuro e mostras do carácter innovador da súa programación.

Por outra parte, durante estes últimos meses o Verbum colaborou con servizos e concellerías do Concello, a través de propostas como o Curso de Iniciación ao Galego do Servizo de Normalización Lingüística, as actividades do Departamento de Festas, os cursos arredor da etnografía da Concellería de Patrimonio Histórico e a saída da Vig-Bay desde o museo, organizada en colaboración coa Concellería de Deportes.
Descargar todas as imaxes