Escoitar

Máis de 2.000 bailadores participarán no Día da Muiñeira deste ano

O Día da Muiñeira chegará este domingo á súa 37ª edición coa participación de 2.150 bailadores pertencentes a 220 grupos da provincia de Pontevedra e, por primeira vez este ano, tamén da Coruña e Ourense. Os amantes da cultura tradicional terán unha nova cita o 16 de xuño co VIII Ensalzamento do Traxe Galego.

venres, 1 xuñ 2007
1180700214munineira010607.jpg
A rúa Venezuela, desde as inmediacións do Concello ata as de El Corte Inglés, será o escenario onde os máis de 2.000 participantes bailarán ao son do grupo tradicional Airiños do Parque de Castrelos, que dará comezo ao evento cun pasacorredoiras arredor das 19.30 horas, para tocar, a partir das 20.00 horas, tres muiñeiras, tres xotas e tres ribeiranas. A actuación de Airiños do Parque de Castrelos completarase cunha muiñeira para que o público asistente tamén entre no baile e finalizará cun novo pasacorredoiras.

Airiños do Parque de Castrelos levan participado no Día da Muiñeira desde a súa primeira edición, en 1970. Naquela ocasión, a festa celebrouse no Real Club Náutico e contou coa participación de 150 persoas.

A partir das 21.00 horas, será a Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra, formada por 60 músicos dirixidos por Hipólito Cabezas, a que poña música a este evento, que chegará á súa fin arredor das 22.00 horas. Todos os participantes recibirán un obsequio.

Ensalzamento do Traxe Galego

O sábado 16 de xuño, os mellores traxes tradicionais de home, muller, neno e nena serán escollidos polo xurado do concurso que se celebrará a partir das 17.30 horas a porta pechada no Auditorio Municipal.

Ás 19.30, os participantes concentraranse na praza do Rei, desde onde sairán pola ronda de Don Bosco para despois pasar pola rúa Príncipe, Porta do Sol, praza da Constitución, rúa Triunfo, rúa Real e praza do Berbés, onde se celebrará o festival do Ensalzamento do Traxe Galego.

O festival contará coa participación de tres grupos de danza e un de percusión da Escola Municipal de Danza e Percusión e finalizará coa entrega de premios aos gañadores do concurso nas súas categorías masculina e feminina de "traxe de gala moderno", "traxe de gala antigo" e "traxe de cotío". Serán 230 euros para cada un dos gañadores. Ademais, entregarase un premio de 310 euros ao mellor grupo de dez persoas ataviadas con traxes tradicionais. O neno e a nena gañadores das súas categorías recibirán un agasallo, ao igual que todos os participantes do concurso.
Descargar todas as imaxes