Escoitar

Xuntanza de voluntarios no Centro Cívico do Casco Vello

As persoas inscritas na Oficina Municipal de Voluntariado están convocadas para celebraren unha xuntanza no Centro Cívico do Casco Vello (r/ Oliva, 12) este xoves a partir das 19.00 horas. No encontro, os voluntarios poderán intercambiar experiencias co obxectivo de mellorar a súa formación.

xoves, 31 mai 2007
1180602573voluntad.jpg
Oficina Municipal de Voluntariado, na Casa do Concello
Retomando a liña de actuación de anos anteriores, a Oficina Municipal de Voluntariado (OMV) ten planificadas unha serie de xuntanzas que pretenden ser foros de intercambio de experiencias, impresións e inquedanzas, para mellorar a formación dos voluntarios. As xuntanzas están abertas a todas as persoas inscritas como voluntarias na OMV.

Desde a OMV salientan a importancia de que os voluntarios acudan a este tipo de encontros, xa que os consideran momentos ideais para compartiren información de primera man, así como para sentiren que forman parte dun grupo comprometido co que teñen moito en común.

A convocatoria do encontro deste xoves realizouse por medio dunha carta enviada aos voluntarios coa sinatura da concelleira de Promoción Económica e Desenvolvemento Local, Lucía Molares. Os próximos encontros convocaranse a través de chamadas telefónicas ou con mensaxes curtas de texto aos móbiles dos voluntarios.

Actividades da OMV

A OMV encárgase da xestión dunha Bolsa de Voluntariado que conta con 532 persoas activas, das cales 45 se deron de alta ao longo de 2007. Do total de persoas activas, 242 teñen destino actualmente nalgún dos catro programas que está a desenvolver a OMV. En 2006 eran 487 as persoas voluntarias dadas de alta e 212 as destinadas nalgún dos programas da Oficina.

Estes programas son os seguintes: Acompañamento a maiores, menores e discapacitados, Voluntariado Medioambiental, Apoio a Entidades non Lucrativas e Voluntariado en Actividades Puntuais. Actualmente a OMV prepara a posta en marcha dun novo programa de voluntariado cultural, destinado aos museos da cidade.

No que vai de 2007, a OMV levou a cabo actividades formativas tanto para persoas voluntarias como para entidades non lucrativas. O índice de participación dos voluntarios e das entidades foi considerable, e 42 deles acudiron a, cando menos, algún dos cursos organizados pola OMV, que en 2007 foron os seguintes: tres cursos básicos de Iniciación ao Voluntariado e un curso de Iniciación aos Primeiros Auxilios. Así mesmo, está previsto realizar outro curso de Iniciación ao Voluntariado, un curso de Voluntariado e Servizos Sociais e un curso de Voluntariado e Medio Ambiente.

Ademais destas actividades formativas, a OMV intenta manter unha relación eficaz coas distintas entidades de acción voluntaria coas que colabora. Para este ano están previstas tres xuntanzas coas entidades para intercambiar experiencias e impulsar unha metodoloxía de traballo en rede. Outro dos obxectivos das xuntanzas é activar os fluxos de información entre as entidades e a OMV para axudarlles a coordinar mellor as súas necesidades cotiás e mantelas informadas da programación de formación e actividades. O primeiro destes encontros está previsto para finais de xuño e as demais levaranse a cabo despois do verán.

Este ano, ademais, introdúcense nas actividades da OMV as xuntanzas destinadas ás persoas voluntarias que están a prestar os seus servizos no Programa de Acompañamento, voluntarios aos que lles resulta difícil asumir que forman parte dun grupo máis amplo e cunha problemática específica. A primeira destas xuntanzas tivo lugar a principios de maio e o balance, segundo sinalan desde a OMV, foi moi positivo.

No que vai de 2007, a OMV participou, dentro do Programa de Actividades Puntuais, no desenvolvemento dos seguintes eventos:

- Media maratón Vig-Bay
- Campionato de baloncesto Special Olympics
- Media maratón de Coia.
Descargar todas as imaxes