Escoitar

Enernova abordará do 5 ao 9 de xuño no IFEVI a situación das enerxías renovables

Enernova, Congreso e Feira Internacional de Enerxías Alternativas e Medio Ambiente, desenvolverase no IFEVI do 5 ao 9 de xuño co obxectivo de constituír un novo espazo no que conflúan empresa, investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito das enerxías renovables.

xoves, 31 mai 2007
1180615377enernova310507.jpg
Coincidindo coa celebración, o 5 de xuño, do Día Internacional do Medio Ambiente, Enernova aproximará o público asistente á realidade económica e empresarial do sector enerxético alternativo. Ao mesmo tempo, o encontro servirá para xerar oportunidades de negocio e fortalecer os nexos de unión entre os traballos de I+D+i que se desenvolven en universidades e centros tecnolóxicos e o mundo empresarial, executor dos proxectos de investigación.

Así mesmo, os encontros comerciais e as xornadas de debate que se deriven da celebración de Enernova permitirán dilucidar os retos que o conxunto da sociedade, desde o consumidor ata a administración pública, debe afrontar ante os cambios que implican o cumprimento do Protocolo de Kyoto e os obxectivos marcados pola Unión Europea en política enerxética e medioambiental.

Enernova Vigo 2007 é unha iniciativa promovida polas empresas Qualitynova Consultores, Ofcan e Muéstralo, conta co apoio executivo de Caixanova, a Confederación de Empresarios de Pontevedra e da Cámara de Comercio de Vigo, e coa colaboración da Xunta de Galicia, a través das consellerías de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Innovación e Industria.

Congreso Enernova

Máis de cincuenta expertos nacionais e internacionais procedentes de distintos ámbitos do sector enerxético alternativo participarán coa presentación de ponencias no I Congreso de Enerxías Alternativas e Medio Ambiente que se celebrará no auditorio do IFEVI do 5 ao 7 de xuño.

O Congreso estrutúrase arredor de dez mesas temáticas, que abordarán o novo marco legal, a enerxía fotovoltaica, a enerxía solar térmica, os sistemas pasivos, a biomasa agroforestal, as tecnoloxías de transformación física e conversión enerxética de biomasa, os combustibles alternativos para transporte, o hidróxeno como combustible, a enerxía eólica e o cambio climático. A undécima mesa servirá para presentar proxectos no campo das enerxías renovables. Todas as sesións de traballo incluirán debates abertos á participacións dos congresistas.

Máis de douscentos profesionais do sector enerxético e medioambiental se inscribiron para asistir a esta primeira edición do Congreso, no que se presentarán, entre outras iniciativas, os programas europeos Domheat, centrado na investigación de sistemas domésticos de calefacción e edificios terciarios, e Propellets, que ten como obxectivo principal demostrar a viabilidade do uso da biomasa como fonte alternativa de calefacción en edificios e vivendas.

Mini-foro Iberoeka

Paralelamente ao Congreso celebrarase o Foro Iberoeka, un encontro de profesionais do sector enerxético de 19 países iberoamericanos, España e Portugal. Iberoeka ten un dobre obxectivo: por un lado, contribuír ao fomento de I+D+i nas enerxías renovables entre universidades, centros tecnolóxicos e empresas de Latinoamérica, España e Portugal, e por outro aproveitar as sinerxias de celebrar de forma conxunta un congreso e unha feira de ámbito internacional centradas nas enerxías alternativas e o medio ambiente. Neste sentido, cada unha das sesións de traballo incluirá encontros bilaterais entre os congresistas e os participantes no foro.

Feira Enernova

A Feira Enernova terá lugar do 7 ao 9 de xuño tendo como obxectivo principal mostrar as oportunidades de negocio que se xeran arredor das enerxías renovables e o medio ambiente, así como resolver os retos que as empresas, as administracións públicas e a sociedade en xeral deben afrontar ante o esgotamento dos recursos enerxéticos renovables.

Se ben Enernova é unha feira de carácter profesional, a súa clara vocación como entidade divulgadora das enerxías renovables, e a implicación que o desenvolvemento destas ten para o conxunto da sociedade, foi determinante para que a organización establecese o sábado 9 de xuño como xornada de portas abertas, permitindo o acceso gratuíto do público en xeral.

A Feira Enernova ocupará a totalidade da superficie expositiva do pavillón 2 do recinto feiral, arredor de 7.000 m2, e contará coa participación de máis de cen empresas e institucións vinculadas ao ámbito enerxético alternativo e medioambiental. A actividade empresarial e comercial que xere esta iniciativa feiral xirará en torno ao aforro e á eficiencia enerxética, as enerxías renovables, a coxeneración de alta eficiencia, as pilas de combustible, a produción, xestión e comercialización de enerxía sostible, o medio ambiente e a xestión de residuos, entre outros aspectos.

Polo que respecta a sectores enerxéticos, Enernova contará coa presenza de empresas vinculadas aos ámbitos da enerxía solar (fotovoltaica, térmica e termoeléctrica), a enerxía eólica, a biomasa, a enerxía hidráulica e o medio ambiente.

Actividades paralelas

A actividade congresual e comercial de Enernova completarase cun programa de actividades paralelas, dirixidas aos profesionais do sector, que se asentarán fundamentalmente en criterios divulgativos de proxectos e iniciativas nos campos de referencia desta feira.

O 8 de xuño realizarase unha visita guiada ás principais infraestruturas galegas dedicadas ao tratamento de residuos e á xeración de enerxías alternativas. O programa inclúe visitas á instalación térmica-fotovoltaica situada no Porto de Vigo; á planta de ENCE (Pontevedra); ao complexo xestor de residuos sólidos urbanos de SOGAMA, en Cerceda (A Coruña); e á planta peletizadora de ECOWARM, en Brión (A Coruña).

Por outra parte, coincidindo con Enernova, o proxecto Enersilva celebrará en Vigo o seu terceiro seminario internacional, que se desenvolverá no Club Financeiro e que nesta ocasión organiza a Asociación Forestal de Galicia. A finalidade principal deste programa europeo é dinamizar os propietarios forestais do sur de Europa no aproveitamento da biomasa forestal primaria.

Por último, o venres 8 de xuño terán lugar as Sesións Técnicas de Enernova na Aula Técnica do IGAPE, dentro do espazo da Feira. Son xornadas abertas, que se desenvolverán ao longo de todo o día mediante conferencias sobre diversos temas relacionados coas enerxías renovables, a súa situación e perspectivas en Europa e exemplos prácticos da súa aplicación.
Descargar todas as imaxes