Escoitar

O IFEVI acollerá a primeira edición de SeguriAtlántico os días 18 e 19 de abril

Sectores como o da seguridade laboral, a seguridade contra incendios e a seguridade informática teñen unha cita no IFEVI os días 18 e 19 de abril, da man da primeira edición de SeguriAtlántico, unha feira concibida como punto de encontro de profesionais do Noroeste peninsular.

mércores, 11 abr 2007
1176295727segur110407.jpg
SeguriAtlántico busca ofrecer a expositores e visitantes unha plataforma de negocios, de intercambio de información e de expansión comercial nun territorio, o conformado por Galicia e o Norte de Portugal, que conta con máis de sete millóns de habitantes.

Un dos espazos principais da feira será o Business Center, que contará coa presenza das principais firmas punteiras de seguridade, co fin de presentar as novidades que van estar vixentes de maneira inmediata.

Este espazo incluirá entidades dedicadas á seguridade laboral, un dos obxectivos prioritarios do Goberno, dada a grande incidencia da sinistralidade nas estatísticas españolas con respecto ás europeas.

No Business Center tamén haberá lugar para o sector da seguridade contra incendios, en constante evolución grazas á crecente demanda por parte de cidadáns que queren protexer as súas vivendas.

Así mesmo, neste espazo reuniranse empresas de seguridade informática, un sector no que se apoian cada vez máis empresas e institucións, ben sexa a través de servizos de Internet ou de Intranet.

Ademais, o Business Center dedicará parte da súa superficie a outros tipos de expositores relacionados coa seguridade, como empresas de seguridade contra intrusión, roubo e agresión, seguridade en circulación e transportes, seguros, domótica, seguridade cidadá, seguridade nuclear e seguridade contra riscos naturais, entre outros.

Por outra parte, a través do I Foro da Seguridade do Atlántico, a feira brindará un espazo enfocado ao intecambio comercial máis proveitoso entre organismos e empresas participantes. Para iso, o Foro contará coa presenza de profesionais que gozan de grande experiencia no ámbito da seguridade. Ademais, levaranse a cabo charlas, conferencias, debates, exposición de novidades e actos sociais para divulgar, intercambiar opinións, despexar dúbidas e, en resumo, reunir os diferentes enfoques que existen no sector.

Tamén se ofrecerán nos encontros do foro informacións e casos prácticos a cargo de expertos, así como o contraste de usuarios que exporán as súas experiencias.

Con estas actividades, SeguriAtlántico quere posicionarse dentro do circuíto de eventos das súas características como o principal do Noroeste peninsular, servindo de termómetro do mercado para Galicia e o Norte de Portugal.

Datos do sector

As empresas de seguridade privada españolas acadaron en 2005 unha facturación de 3.123 millóns de euros, o que supuxo un incremento do 6,8% con respecto ao exercicio anterior. Os datos dos últimos 15 anos confirman a tendencia á alza do sector.

A vixilancia foi máis un ano a base do sector da seguridade privada, cunha facturación de 1.964 millóns de euros (63% do total), seguido de sistemas e alarmas, con 775 millóns (25%) e transportes de fondo, con 367 millóns (12%).

Os contratos das empresas de seguridade privada española procederon principalmente do sector privado, cun 68%, mentres que o sector público representou o 32%.
Descargar todas as imaxes