Escoitar

O Hotel Los Galeones acollerá un almorzo degustación da lamprea o 24 de febreiro

O Hotel Los Galeones de Vigo acollerá o próximo 24 de febreiro a Festa da Lamprea organizada grazas á colaboración entre a Cámara Municipal de Penafiel (Portugal) e o Concello de Vigo, nunha iniciativa canalizada através da Fundación Luso-Galaica.

martes, 13 feb 2007
1171374420lamprea130207.jpg
Para preservar a cultura da lamprea, unha antiga tradición da rexión de Entre-os-Rios, a Cámara Municipal de Penafiel creou o programa "Lampreia à mesa… com arroz ou à bordalesa". Este programa preséntase mediante almorzos degustación da lamprea en distintas cidades. O ano pasado celebrouse no Porto e este ano será o 24 de febreiro no Hotel Los Galeones de Vigo. Para esta ocasión, convidarase a autoridades, medios de comunicación e axencias de viaxe.

Segundo explicou a concelleira de Turismo e Comercio, Lucía Molares, con este almorzo degustación a cidade de Penafiel, situada a uns 30 kilómetros do Porto e cunha poboación de arredor de 75.000 habitantes, corresponde á presentación o ano pasado no Porto da iniciativa "Vigo escapadas" da Concellaría de Turismo, e aproveita para promocionarse en Galicia.

O almorzo degustación de Vigo producirase en plena temporada da lamprea, que vai do 10 de febreiro ao 31 de marzo e é vivida con especial intensidade na rexión de Entre-os Rios, onde a lamprea constitúe a base de varios pratos típicos. Partindo da excelencia deste produto gastronómico, a Cámara Municipal de Penafiel promove diferentes aspectos da rexión como son o conxunto da súa gastronomía, a cultura, os produtos rexionais e as paisaxes naturais.

O programa "Lampreia à mesa… com arroz ou à bordalesa" conta cunha ruta que inclúe cinco restaurantes de Penafiel para gozar deste produto específico desta época do ano. Son O Miradouro, Casa das Lampreias, Solar do Souto, Pensao Aliança e O Paladar. Para máis información pódese visitar a páxina web do programa: www.lampreiapenafiel.com.

A presentación da Festa da Lamprea de Vigo tivo lugar hoxe martes no Concello e nela estiveron presentes a concelleira de Turismo, Lucía Molares, o presidente da Cámara Municipal de Penafiel, Alberto Santos, o concelleiro de Turismo deste municipio, Adolfo Amilca, e o presidente da Fundación Luso-Galaica, Antonio Reguera.
Descargar todas as imaxes