Escoitar

O Eixo Atlántico aproba na súa Asemblea Xeral a Declaración de Gaia

O Eixo Atlántico celebrou en Vila Nova de Gaia a súa XXIII Asemblea Xeral, na que participaron representantes das dezaoito cidades que conforman o sistema urbano de Galicia e o Norte de Portugal. Na asemblea foi aprobada a Declaración de Gaia, documento que contén unha serie de propostas aos gobernos de ambos os países para acelerar o desenvolvemento da eurorrexión.

luns, 12 feb 2007
1171288891eixo120207.JPG
Un momento da reunión
Outro dos temas claves que se abordaron na reunión de Vila Nova de Gaia foi a transformación xurídica do Eixo Atlántico mediante a aprobación da súa reconversión en Agrupación Europea de Cooperación Territorial, converténdoa, deste xeito, nunha das primeiras AECT da Península Ibérica.

Tamén foi aprobado o presuposto da organización para o ano 2007, de arredor de 1.770.000 euros, dos que o 86% corresponden a convenios e programas europeos.

O acto contou coa presenza da conselleira de Ordenación Territorial, Mª Xosé Caride; da Secretaria de Transportes de Portugal, Ana Paula Vitorino; do secretario de Estado portugués de Desenvolvemento Rexional, Rui Baleiras; do director xeral de Urbanismo da Xunta, Ramón S. Lueje, e do director xeral de Planificación Económica e de Fondos Comunitarios da Xunta de Galicia, Aureliano García González-Llanos.

Compromiso sobre o AVE

A conselleira de Poltíca Territorial, Mª Xosé Caride, e a Secretaria de Estado de Transportes do Goberno portugués, Ana Paula Vitorino, compremetéronse na XXIII Asemblea Xeral do Eixo Atlántico celebrada en Vila Nova de Gaia a finalizar a conexión do AVE entre Vigo e Porto en 2013, tal e como esixiron os representantes das 18 cidades que conforman a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O AVE Vigo-Porto terá unha velocidade media de 200km e contará con vía compatible para mercadorías, que non só conectará as cidades senón tamén os portos e aeroportos.

O transporte ferroviario, no seu conxunto, constitue unha das principais apostas da estratexia de Intermodalidade do Eixo Atlántico no período 2007-2013. Neste sentido, desde o Eixo Atlántico tense proposto a creación dun Consorcio Transfronteirizo de Transportes que coordine de maneira conxunta os tres sistemas que o integran: o portuario, o aeroportuario e o ferroviario interior.

Medallas Eixo Atlántico

A XXIII Asemblea Xeral do Eixo Atlántico foi clausurada coa entrega das Medallas Eixo Atlántico a Fernando Gómes, pola súa contribución no desenvolvemento da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e por promover a creación do Eixo Atlántico, e a Julio Fernández Gayoso, pola súa contribución ao desenvolvemento económico, cultural e social tanto do Norte de Portugal como de Galicia.
Descargar todas as imaxes

Máis información