Escoitar

María Antonia Iglesias, María Tarsy Carballas e Margarita Ledo, Galegas Destacadas de 2006

A Asociación de Mulleres "Diálogos 90" entregou o pasado sábado no Pazo Quiñones de León os premios Galegas Destacadas 2006 á xornalista María Antonia Iglesias, á presidenta do Consello de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, María Tarsy Carballas, e á catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Santiago de Compostela, Margarita Ledo.

luns, 12 feb 2007
1171283221galegas07.jpg
Imaxe da ofrenda floral a Concepción Arenal
María Antonia Iglesias comezou a traballar aos 19 anos no xornal Informaciones, onde viviu a fin da ditadura e o comezo da transición. Traballou en TVE como informadora política e redactora de "Informe Semanal". Foi directora dos servizos informativos de TVE de 1990 a 1996. Escribiu os libros "Érmua, cuatro días de julio", "Aquella España dulce y amarga" ou "Maestros de la República".

María Tarsy Carballas é doutora en Farmacia e licenciada en Ciencias, ademais de profesora de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Así mesmo, é académica numeraria da Academia de Farmacia de Galicia e doutora "Ad honorem" vinculada ao CSIC. Desenvolve o seu traballo no campo da Edafoloxía (Ciencia do Solo) e leva editadas unhas 150 publicacións.

Margarita Ledo é xornalista formada na Escola de Barcelona e comezou a traballar en El Ideal Gallego. Fundou e dirixiu A Nosa Terra desde 1977 ata 1980. Foi profesora na Faculdade de Ciencias da Información da Universidade Autónoma de Barcelona de 1983 a 1991. Na actualidade é catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Faculdade de Ciencias da Información de Santiago.

A entrega dos galardóns "Galegas Destacadas" é organizada polo Concello de Vigo para celebrar o aniversario do pasamento de Concepción Arenal, e complétase cunha ofrenda floral no monumento funerario en honor á pensadora e escritora galega no Cemiterio Municipal de Pereiró.
Descargar todas as imaxes