Escoitar

Os socios comunitarios da Mancomunidade na iniciativa Equal aproban un proxecto transnacional

venres, 1 mar 2002
A creación dun sistema xeral de avaliación de programas de emprego, a elaboración dun esquema de diagnóstico e aplicación do principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e o intercambio de experiencias nos procesos de acceso, implicación e consecución de obxectivos por parte dos desempregados, son as principais liñas que definen o Proxecto transnacional acordado e aprobado entre a Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo (MAIV) e os seus socios europeos.

Este Proxecto transnacional é o froito da negociación entre a MAIV e a “Fundación para o desenvolvemento do Val de Campanha” de Porto (Portugal), a asociación cultural “Centro Studi Ibleo” de Ragusa (Sicilia) e o Concello de Jerez, durante as dous xornadas do Encontro transnacional celebrado estes días en Vigo, baixo a presidencia do concelleiro-delegado Delfín Fernández Álvarez. A execución conxunta deste proxecto transnacional e dos respectivos proxectos locais comezará no mes de xuño, despois de que sexa aprobado por cadansúa Unidade administradora de fondos europeos, e terán unha duración de 24 meses.

Dentro da definición dos recursos de que se disporán nesta experiencia transnacional, acordouse a constitución dun Comité de pilotaxe, como órgano de seguimento e control do desenvolvemento do proxecto, e a posta en funcionamento dunha páxina web como sistema de comunicación entre os socios comunitarios e de información para tódolos axentes implicados en proxectos deste tipo.

O presuposto total acordado para a execución do proxecto transnacional será de 550.000 €, o que supón un 8% sobre o montante có que conta cada socio na Iniciativa EQUAL, aínda que a MAIV fará unha achega maior (228.390 €) ó contar coa inversión máis alta.

Hai que destacar que no proxecto “COMPÁS”, un dos doce concedidos na Comunidade Autónoma Galega na Iniciativa EQUAL cunha inversión de 2.854.877,50 € (475 millóns de pesetas), xunto coa MAIV participan como socios a Confederación de Empresarios de Pontevedra, a CIG, CC.OO, UXT, a Deputación Provincial de Pontevedra e a Xunta de Galicia.