Escoitar

O Goberno local presenta os orzamentos municipais máis altos da historia

Os orzamentos municipais de 2007 alcanzarán un récord de máis de 212 millóns de euros, se finalmente se aproba o proxecto do Goberno local presentado hoxe venres polo concelleiro de Economía, Javier Guerra, quen definiu o documento como "realista", "ben executado tecnicamente", "ambicioso" no seu capítulo inversor e "moi comprometido" desde o punto de vista social.

venres, 29 dec 2006
1167403783orzamentos07.jpg
Segundo Guerra, un proxecto destas características é posible grazas á "obxectividade e acerto na xestión de ingresos" e a un índice de execución dos gastos "practicamente" do cento por cen. Neste sentido, o concelleiro engadiu que nos últimos tres anos o Goberno local logrou investir máis de 200 millóns de euros "cuns orzamentos prorrogados", ao tempo que mantiña ou mesmo aminoraba a presión fiscal e reducía a débeda municipal en 40 millóns de euros, cifra que supón un 37% do total rexistrado en 2003.

Como aspectos salientables do proxecto de orzamentos para 2007, Javier Guerra sinalou a cifra récord de 212.661.000 euros, que supera en cerca dun 13% á dos orzamentos de 2005.

Gastos

No apartado dos gastos, o concelleiro fixo fincapé na austeridade en canto a gasto improdutivo, cunha sensible redución das partidas de publicidade e protocolo, dentro do capítulo de bens correntes e servizos. O concelleiro lembrou "a pouca marxe de manobra" neste apartado, que non impide, no entanto, concentrar esforzos na adecuación de contratos como o da recollida do lixo ata alcanzar os 21 millóns de euros (18,3 en 2005) e no incremento do gasto social nun 15%, porcentaxe superior á xeral do proxecto de orzamentos para o ano que vén.

Os gastos de persoal supoñen un total de 55 millóns de euros, cunha suba salarial xeral do 2% e a proposta de creación de 34 novas prazas como aspectos máis destacados. No capítulo de transferencias correntes, que se incrementa nun 15,6%, recóllese un incremento xeral das subvencións, que se destinarán, entre outras finalidades, aos clubes deportivos (680.000 euros), eventos deportivos (370.000), asociacións e entidades (256.000) e ao fomento do transporte público, con 7 millóns de euros para o bonobús.

Investimentos

Javier Guerra fixo unha meción especial do capítulo de investimentos reais, que incrementa o seu orzamento nun 10,5% ata alcanzar os 18 millóns de euros. Os gastos deste apartado concéntranse, a través do Plan Parroquias, nun esforzo "descentralizador, reequilibrador e vertebrador" ao servizo dun "novo concepto de cidade".

Neste capítulo entran obras de humanización como as do contorno de Balaídos (737.000 euros), As Travesas (4 millóns), Lavadores (300.000), Coia (400.000) e Espedrigada (370.000), así como a mellora do alumeado público nas parroquias (347.000), a terceira fase da humanización da Travesía de Vigo (1,6 millóns), a humanización do Casco Vello (500.000) e as melloras en parques infantís e zonas verdes (423.000 euros). Como investimentos reais tamén figuran os destinados ao futuro Auditorio (7,2 millóns), ao Plan de Accesibilidade (200.000 euros), ao céspede de Balaídos (220.000) e ao abastecemento e mellora da depuración (1,4 millóns).

Os investimentos contemplados no proxecto de presupostos complétanse sumando aos xa mencionados os capítulos de transferencias de capital (11,3 millóns) e activos financeiros (1,3 millóns), dando como total para 2007 unha cifra de 31,5 millóns de euros, notablemente superior aos 21,4 dos orzamentos de 2005 e aos 18 de 2003.
Os pasivos financeiros reducen o seu peso no conxunto dos orzamentos do 9,9% ao 9%, o que se traduce nunha débeda municipal relativamente menor, aínda que a cifra total aumenta un 2% e sitúase en 19,1 millóns de euros.

Ingresos

En canto aos ingresos, o proxecto contempla o mantemento da presión fiscal practicamente nos mesmo niveis deste ano. O capítulo de impostos directos soma 84, 2 millóns de euros, mentres que o de impostos indirectos alcanza os 10,8 millóns. As taxas rexistran un incremento do 8,2%, facendo un total de 28 millóns de euros.

Pola súa parte, as transferencias correntes supoñen uns ingresos de 51,7 millóns, provenientes do Estado, e 5,2 millóns, fixados como achega ao Concello de Vigo pola Xunta de Galicia. O apartado de ingresos complétase cos capítulos de transferencias correntes (60,5 millóns), ingresos patrimoniais (2,2 millóns), transferencias de capital (6,5 millóns), activos finaceiros (1,7 millóns) e pasivos financeiros (18,8 millóns).
Descargar todas as imaxes