Escoitar

Concello e Ibercaja achegan a música clásica a máis de 1.200 escolares vigueses

A Camerata Clásica Española ofrece, grazas á colaboración do Concello e a Obra Social e Cultural de Ibercaja, o programa didáctico "Atrévete coa música clásica", no que participarán máis de 1.200 alumnos de 5º de primaria a 2º de ESO. Será no Auditorio Municipal os días 12, 13 e 14 de decembro.

xoves, 7 dec 2006
1165501079clasica.jpg
Ao longo das sesións os 30 centros de ensino de Vigo participantes, programadas para as 10.30 e as 12.00 horas, os alumnos terán a oportunidade de achegarse á música clásica, ofertada no marco do programa educativo músical "Vigo por dentro". Neste sentido, o concelleiro de Educación, Ignacio López-Chaves, recordou que a formación de públicos no ámbito da música é unha das prioridades do Concello.

Todos os centros de ensino participantes recibiron material didáctico para realizaren traballos previos de motivación nas súas aulas. Este material inclúe o caderno didáctico da actividade e un cuestionario para promover o debate e a reflexión entre os alumnos.

"Atrévete coa música clásica" pretende introducir os escolares de xeito ameno no amplo e variado repertorio musical a través das súas distintas épocas: formas medievais, poesía popular, romance, renacemento, barroco, música poética, clasicismo, ópera, zarzuela e canción española, entre outras.

O guía nesta viaxe será a Camerata Clásica Española, formada por músicos especialistas no repertorio clásico que pertencen a agrupacións de cámara de prestixio e recrean dun xeito suxestivo nos seus concertos os aspectos máis salientables da música española do século XVIII.
Descargar todas as imaxes