Escoitar

CIG, CC.OO. e UXT organizan o XI Encontro pola igualdade no traballo

As centrais sindicais CIG, CC.OO. e UXT organizan, coa colaboración da Concellaría da Muller, o XI Encontro Sindical da Muller, que baixo o lema "Camiñar pola igualdade" se desenvolverá o xoves e o venres no salón de actos do Hotel Coia.

martes, 7 nov 2006
1162905408muller071106.jpg
O obxectivo deste encontro, segundo explicou a concelleira Lucía Molares hoxe martes, é debater "temas que realmente importan á muller no mundo laboral de forma conxunta e coordinada". Durante as dúas xornadas analizarase a situación das mulleres nos diversos ámbitos laborais, avaliaranse as discriminacións directas e indirectas nas empresas e abordaranse as posibilidades de concienciar o empresariado para o desenvolvemento de accións encamiñadas á igualdade, erradicar dos documentos oficiais e sindicais toda linguaxe discriminatoria de orixe sexista e fomentar a corresponsabilidade.

Con este fin, desenvolverase un programa que inclúe un estudo comparativo da situación das mulleres nos distintos sectores laborais, así como información sobre experiencias discriminatorias habituais, os axentes sociais como garantes da igualdade, iniciativas para a eliminación da linguaxe sexista nos ámbitos oficiais, participación activa nas tarefas domésticas e corresponsabilidade.

Na presentación do encontro hoxe martes estiveron as representantes sindicais de UXT, CC.OO. e CIG. Ángeles Arias, da UXT, afirmou que "despois de 25 anos demandando igualdade e mellor distribución da responsabilidade resulta que non basta". De acordo con Arias, "segue habendo dificultades" para as mulleres tanto nos sectores masculinizados como nos feminizados e mixtos, polo que, segundo afirmou en referencia ao lema do encontro, "o camiño é incerto" .

Elena Rodríguez, de CC.OO., engadiu que nos sectores "onde hai máis mulleres hai máis discriminación". Rodríguez salientou a importancia da formación das mulleres para a superación deste problema e demandou que a paridade nos órganos de goberno se traslade ás eleccións sindicais.

Raquel Pazos, da CIG, afirmou que a concienciación do empresariado ten como condición previa "a concienciación da propia muller e de todos", polo que "é moi importante", dixo, "a presenza dos homes" no camiño cara á igualdade no traballo.

Lucía Molares recordou que a Concellaría da Muller, UXT, CC.OO. e CIG "estamos levando a cabo medidas importantes" para alcanzar este obxectivo, como o proxecto Promociona e a Rede de Empresas pola Igualdade, iniciativas ambas que se inclúen no proxecto "Conta con elas".
Descargar todas as imaxes

Máis información