Escoitar

Participación Cidadá colabora na integración de persoas xordas

A concelleira de Participación Cidadá, Marta Iglesias, renovou hoxe venres, por medio da sinatura dun convenio coa Asociación de Persoas Xordas, o compromiso do Concello de Vigo con este colectivo. A axuda municipal, de 5.600 euros, servirá para pór a disposición das pesoas xordas intérpretes da lingua de signos que lles axuden a integrarse.

xoves, 3 ago 2006
1154610018xordos030806.jpg
Así, a propia Concellaría de Participación Cidadá contará cun intérprete nas actividades que se levan a cabo nos seus centros cívicos de Coruxo, o Casco Vello, Saiáns e Teis. O conxunto destas actividades inclúe, entre outras, as conferencias, os seminarios e os cursos de formación, sempre que nelas se inscriba unha persoa xorda que necesite un intérprete para participar.

Tamén poderán contar con estes profesionais as asociacións de Vigo, solicitando os seus servizos previamente para lles permitiren aos discapacitados auditivos tomar parte nas actividades de formación ou de lecer que realicen no seu contorno.

Pódese solicitar un intérprete da lingua de signos dirixíndose á propia Asociación de Persoas Xordas de Vigo, no teléfono 986 28 13 70 ou no fax 986 12 73 22, de 09:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 horas.

Despois de asinar o convenio, a representante da Asociación de Persoas Xordas, Mari Carmen González, afirmou que "pouco a pouco as barreiras comunicativas van rompendo" e dixo esperar que "Vigo siga sendo un exemplo" neste sentido.

Mari Carmen González sinalou que "o máis importante agora" para a súa asociación "é o recoñecemento da lingua de signos", algo que "creo que se fará axiña". Ademais, reclamou un ensino adaptado ás necesidades dos nenos xordos e recordou que "o 85 % das persoas xordas son analfabetas".

Na provincia de Pontevedra hai unhas 34.000 persoas xordas, das que cerca de 2.000 residen en Vigo.
Descargar todas as imaxes