Escoitar

Familias de Vigo e a súa área acollen en xullo e agosto 29 nenos saharauis

A alcaldesa, Corina Porro, recibiu hoxe mércores no Concello os 29 nenos e nenas saharauis que participan estes meses de xullo e agosto no programa "Vacacións en Paz 2006", da ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. O Concello e diversas entidades de Vigo colaboran nesta iniciativa.

mércores, 2 ago 2006
1154523708saharauis3a.jpg
Os nenos e nenas, de entre 8 e 15 anos, veñen dos campamentos de refuxiados próximos á fronteira alxeriano-saharaui, en Tinduf, para pasaren os meses de xullo e agosto acollidos por familias de Vigo e da súa área.

Durante a súa estadía aquí vánselles facer revisións médicas. Ademais, recibirán unha boa alimentación e cariño, perfeccionarán o seu castelán, participarán en actividades de ocio e tempo libre e evitarán as moi altas temperaturas do Sáhara no verán.

Nos seus lugares de orixe, estes nenos teñen unha alimentación deficiente. Viven na parte máis hostil do deserto e nas condicións máis extremas. Non teñen un medio de vida para subsistir e viven da axuda humanitaria, que lles permite comer sobre todo arroz e lentellas e, tan só unha vez por mes, carne.

A delegada saharaui en Galicia, Fatma Mohamed Salem, agradeceu durante a recepción de hoxe mércores "o compromiso e a lealtade" dos que apoian o programa "Vacacións en Paz 2006". A alcaldesa, pola súa parte, desexou que os nenos saharauis "reciban todo o cariño de todos os cidadáns de Vigo".

A cifra de 29 nenos e nenas acollidos en Vigo e a súa área supón case o triple con respecto a 2005, cando foron 10. Ademais, o Concello achegou no presente ano cerca de 16.000 euros ao programa de acollida, fronte aos 5.600 para 10 nenos de 2005 e os 4.300 para 14 nenos de 2004. Outras entidades, como Caixanova, CIG e outros concellos colaboran tamén.
1154523708saharauis3a.jpg
1154523738saharauis2.jpg
Descargar todas as imaxes