Escoitar

Vitrasa dota os seus vehículos dun moderno sistema de información por pantallas

Dez vehículos de Vitrasa dotados de Sistema SIAM (Sistema de Información en Autobuses Metropolitanos) entraron en funcionamento hoxe xoves. Este sistema innovador e pioneiro en España ten por obxectivo mellorar a información ao usuario e a accesibilidade integral do transporte público urbano.

xoves, 29 xuñ 2006
1151588560buspant.jpg
As novas medidas tecnolóxicas para os vehículos de Vitrasa foron presentadas hoxe xoves pola alcaldesa, Corina Porro, quen dixo delas que "forman parte dun modelo de cidade onde deben convivir a ampliación dos espazos públicos e o tráfico rodado".

O número de vehículos de Vitrasa con Sistema SIAM irase incrementando paulatinamente dos 10 iniciais ata chegar aos 50 autobuses en setembro. As liñas ás que se destinarán estes vehículos serán as de maior densidade de tráfico, de forma que se favoreza o maior número de usuarios do servizo de transporte. En concreto, as primeiras unidades incorporaranse ás liñas Circular Centro, Circular segunda e Inversa.

O Sistema SIAM utiliza unha pantalla para, mediante gráficos, transmitir información de utilidade para aqueles que utilicen o autobús. Así, o usuario dispón, a través deste sistema, dos seguintes servizos:

1. Datos reais tanto do movemento do autobús no que viaxa como sobre a cartografía da cidade.
2. Termómetro de información do sentido da marcha do vehículo.
3. Parada actual.
4. Próxima parada.
5. Correspondencia con outras liñas.
6. Estimación de tempo de chegada ao seguinte punto significativo da liña.
7. Estimación do tempo de chegada ao final da liña.

O sistema de pantalla, que permite a súa utilización por persoas con deficiencias auditivas, complétase cun dispositivo de voz que informa as persoas con deficiencias visuais. Deste xeito substitúese o anterior Ciberveu por un sistema innovador que mellora a accesibilidade dos vehículos.

Información a través do móbil

Paralelamente á entrada en funcionamento do Sistema SIAM, Vitrasa pon a disposición dos seus usuarios un novo servizo de información vía SMS, que permite coñecer o tempo estimado de paso do autobús pola súa parada. Este sistema, pioneiro en España no que respecta á empresa privada, achega a información dun modo áxil, dinámico e en tempo real. Ademais de dar conta do tempo estimado de paso dos autobuses pola parada solicitada, os SMS indican a liña á que pertencen e o seu destino.

O funcionamento deste servizo, que estará exposto nas paradas, consiste no envío dun SMS ao número 7458 co formato BUS espazo parada espazo, despois do cal se pode engadir o número da liña sobre o cal interese obter información. O servizo, patrocinado por Caixa Galicia, suporá un custo de 15 céntimos por mensaxe.
1151588560buspant.jpg
1151588590busdisc.jpg
Descargar todas as imaxes