Escoitar

O Pleno decide convocar un novo concurso para a xestión do servicio público de colectores e papeleiras

luns, 28 xan 2002
imx1031.jpg
Membros da Corporación
A Corporación lembrou ó concelleiro do grupo popular, Manuel Garrido, recentemente falecido e gardou un minuto de silencio na súa memoria.

O Pleno da Corporación municipal, reunido hoxe, acordou convocar un novo concurso público para adxudicar o contrato de instalación de colectores de lixo. A decisión tomouse a proposta da Mesa de Contratación que declarou deserto o procedemento de xestión fundamentada polos informes elaborados por diversos técnicos municipais.


Nun deles, o do enxeñeiro municipal, indícase que ningunha das empresas consideradas aporta certificación do cumprimento na súa totalidade das normas de aplicación aos colectores de 2.400 litros. No prego de condicións esixíase ese requisito ante a próxima publicación das normas europeas para colectores desa capacidade.

O Pleno tomou a decisión de constituír unha comisión informativa especial de seguimento dos proxectos do tren de alta velocidade integrada por representantes de todos os grupos municipais.

Entre outros asuntos da orde aprobados figuran a proposta de rectificación do inventario municipal de bens e dereitos sobre baixa de camiños na parroquia de Matamá e a inclusión do inventario do vial de uso público antigo calello dos Caños. O alcalde deu conta do decreto polo que se solicita subvención ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller da Xunta de Galicia.

Por outra banda, o Pleno decidiu aprobar definitivamente a modificación puntual nº 18 do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Vigo, nas zonas afectadas polo trazado do primeiro cinto de circunvalación, comprendidas entre a Avda. de Europa e a Avda. Atlántida, conforme á documentación redactada polos servicios municipais de Planeamento urbanístico. Tamén se someteu a aprobación definitiva o estudio de detalle da Unidade de Actuación-Grades en San Miguel de Oia.
Descargar todas as imaxes