Escoitar

Vigo acolle no mes de marzo o concurso exposición da Camelia

luns, 21 xan 2002
imx1004.jpg
Os días 2 e 3 de marzo desenvolverase na Lonxa do Concello de Vigo o 38 concurso exposición da camelia, organizado pola concellería de Cultura. Ó concurso poderán concorrer tódalas persoas interesadas na camelia, profesionais ou afeccionados nacionais ou estranxeiros, persoas físicas ou xurídicas, sempre que realicen a súa inscrición segundo o previsto nas bases que se aprobaron na reunión da Comisión de Goberno celebrada esta mañá.

A esta exposición-concurso poderán presentarse flores pertencentes a calquera variedade da camelia: xapónica, reticulada ou otras especies, así como calquera híbrido destas.

Premios

O premio ” Camelia de ouro” concederáselle ó/á concursante máis destacado en calquera das modalidades. Entregarase tamén un premio especial ” Antonio Odriozola”.

Ademais outorgarase un primeiro e segundo premios ós mellores lotes da cada unha das modalidades seguintes: camelia xapónica branca, rosada, vermella, xaspeada, camelia reticulada ou híbrido, outras especies de camelias ou híbridos, mellor presentación artística das flores.

Convócase tamén un concurso de escaparates no que poderán participar tódolos comerciantes do termo municipal de Vigo. O xurado valorará a creatividade e composición do escaparate decorado con calquera variedade de camelia.

A inscrición para participar no concurso realizarase no Rexistro Xeral do Concello dende o 22 de xaneiro ata ás 13 horas do día 23 de febreiro.


Descargar todas as imaxes