Escoitar

Concello, Xunta e Ministerio de Fomento preparan conxuntamente a conexión de Vigo á rede ferroviaria de alta velocidade

xoves, 17 xan 2002
imx983.jpg
Un grupo de traballo integrado por representantes do Concello, a Xunta e o Ministerio de Fomento encargarase de buscar as mellores solucións técnicas para a conexión de Vigo á rede ferroviaria de alta velocidade. Este mesmo grupo será o que determine a forma en que se construirá a nova estación intermodal que substituirá a actual terminal de Renfe. A comisión constituiuse hoxe coa asistencia do alcalde, Lois Castrillo, o conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuiña, e o secretario de estado de infraestructuras, Benigno Blanco.

Tralo primeira xuntanza da comisión o alcalde salientou a importancia que para Vigo vai ter o proceso que se acaba de iniciar. Na súa opinión, a chegada da alta velocidade a Vigo vai supor un importante impulso para a economía da cidade. Lois Castrillo subliñou tamén que a construcción dunha nova estación ferroviaria conectada con outros sistemas de transporte levará consigo unha notable mellora do espacio urbano que ocupa agora a terminal de Renfe. Castrillo felicitouse de que tres administracións traballen de forma conxunta nestes proxectos para conciliar intereses e na busca da mellor solución para a cidade.

O secretario de Estado de Infraestructuras lembrou que a conexión de alta velocidade de Vigo coa fronteira portuguesa ten carácter prioritario para o Ministerio de Fomento. Benigno Blanco expresou o seu convencimento de que co traballo conxunto das administracións local, autonómica e central se acadará a mellor solución técnica para o trazado da alta velocidade en Vigo e para a construcción da nova estación.

Os resultados do traballo da comisión técnica ferroviaria serán incorporados ao Plan Xeral de Ordenación Municipal que está a ser redactado nestes momentos.
Descargar todas as imaxes