Escoitar

O Día do Deporte en Coia reunirá centos de nenos o domingo 12 de marzo

Levar o deporte á rúa fomentando a súa práctica entre os máis novos. Con este obxectivo a Asociación de Veciños Camiño Vello de Coia e a Concellaría de Deportes organizan o Día do Deporte en Coia, co cal se espera reunir, o domingo 12 de marzo a partir das 10:00, entre 800 e 1.000 nenos e nenas de todo Vigo.

venres, 3 mar 2006
1141389602DepCoia030306.jpg
Varias entidades deportivas viguesas de diferentes modalidades colaboran na organización das diversas probas en que os nenos poderán participar. Como novidades desta edición do Día do Deporte en Coia están a posibilidade de practicar rugby, grazas á axuda de Vigo Rugby, e a de xogar a baloncesto en cadeira de rodas.

Esta última actividade, posible mercé á colaboración do ANFIV Vital Vigo, servirá, segundo afirmou a concelleira de Deportes, Lucía Molares, para que os nenos vexan "que a discapacidade non é un impedimento" para a práctica do deporte. Lucía Molares agradeceulle á Asociación de Veciños Camiño Vello "a súa sensibilidade" por incluír o baloncesto en cadeiras de rodas no Día do Deporte en Coia deste ano.

Xunto ao rugby e ao baloncesto en cadeira de rodas, o Día do Deporte en Coia ofrecerá un conxunto de actividades para todos os gustos, organizadas coa colaboración de entidades deportivas viguesas.

Así, os nenos poderán optar entre baloncesto (actividade que conta coa colaboración da Agrupación Deportiva de Baloncesto 6 do Nadal), balonmán (Agrupación Deportiva de Balonmán 6 do Nadal), voleibol (Vigo Valery Karpin), esgrima (Club de esgrima de Vigo "El Olivo") e xadrez (Escola Provincial de Xadrez), ademais de tiro con arco e ping pong, actividades estas en que participa a Agrupación Deportiva Círculo Mercantil de Vigo. Outras posibilidades para os que se acheguen ao Día do Deporte en Coia son os xogos tradicionais e para a igualdade e o fútbol sala.

Para o presidente da Asociación de Veciños Camiño Vello, Ventura Pérez Vila, con todo isto e ganas de pasalo ben o domingo 12 de marzo será unha "festa do deporte na rúa", por medio da cal, ademais, nenos e nenas de todo Vigo poderán coñecer Coia. Segundo Pérez Vila, este ano espérase que asistan entre 800 e 1.000 nenos e nenas ao Día do Deporte. En 2005 participaron arredor de 700.
Descargar todas as imaxes