Escoitar

Obxectivo: unha biblioteca a menos de 15 minutos

O concelleiro-delegado da Área de Asuntos Sociais, Ignacio López-Chaves, presentou hoxe mércores un estudo da "Situación bibliotecaria do Concello de Vigo", no que se conclúe que só o 31% da poboación viguesa utiliza as bibliotecas con que conta a cidade.

mércores, 1 mar 2006
1141221493biblio010306.jpg
Segundo o estudo, a Universidade ten un lugar destacado na rede bibliotecaria de Vigo, ocupando o 61% da súa superficie, o 62% dos seus postos de lectura, o 33% dos ordenadores de uso público, o 46% dos volumes e o 61% das publicacións periódicas.

As bibliotecas de Vigo mostran unha grande hetereoxeneidade, estando destinadas a segmentos específicos da poboación. Outra das conclusións do estudo é que en Vigo faltan bibliotecas públicas, circunstancia que o Goberno local, como lembrou Ignacio López-Chaves, quere paliar erixindo unha rede de centros cuxo nivel máis baixo estará nas bibliotecas de proximidade. O obxectivo, de acordo co concelleiro, é que todos os vigueses poidan acceder a pé a unha biblioteca nun máximo de 15 minutos.

Por outra parte, a carteira de servizos das bibliotecas viguesas presenta un carácter tradicional, no que se inclúen a sala de lectura e os servizos de préstamo, hemeroteca, información bibliográfica e copistería.

O estudo "Situación bibliotecaria do Concello de Vigo" elaborouse a partir de enquisas feitas nun total de 31 bibliotecas do termo municipal de Vigo.
Descargar todas as imaxes