Escoitar

Os grupos políticos presentan as súas conclusións sobre o Plan Xeral

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo mantivo hoxe martes unha sesión extraordinaria na que os grupos políticos presentaron as súas conclusións e propostas previas á aprobación definitiva do Plan Xeral.

martes, 28 feb 2006
1141138022XERN280206.jpg
A presidenta do Consello, Corina Porro, deu comezo á reunión agradecendo o traballo dos membros do equipo redactor do PXOM, a quen cualificou de "profesionais de prestixio". Corina Porro felicitouse de que Vigo conseguise "chegar ao final dun proceso fundamental para o seu desenvolvemento futuro", proceso que, como lembrou, foi iniciado hai catro anos.

A continuación, o equipo redactor expuxo as liñas xerais do Plan, defendendo a súa necesidade e viabilidade. Así, o equipo redactor argumentou que o crecemento da cidade previsto no PXOM, que suporía unhas 135.000 novas vivendas en 25 anos, se basea na necesidade de crecemento do emprego, o que require máis inmigración e unha expansión inmobiliaria. Ademais, xunto a argumentos medioambientais e xurídicos favorables ao Plan, os membros do equipo redactor sinalaron que o novo documento permitirá subsanar o "déficit tremendo de infraestruturas viarias e de servizos" que, na súa opinión, padece Vigo.

Tras a exposición do documento, o portavoz popular, José Manuel Figueroa, loou o "traballo impecable" do equipo redactor na redacción dun PXOM motivado pola "carencia clara de solo industrial e residencial" e a necesidade de Vigo "mellorar os seus servizos, dotacións e infraestruturas". Figueroa mostrouse seguro de que "a Xunta aprobará o Plan que Vigo lle leve sempre e cando se axuste á legalidade".

Na parte contraria, Mauricio Ruiz, do PSdeG-PSOE, lamentou o "escaso éxito" que as propostas de modificación presentadas polo seu grupo obtiveron "ao longo de toda a tramitación". Segundo o portavoz socialista, "a grande actividade económica que vai reactivar" o Plan Xeral "é a inmobiliaria". Ruiz cualificou a previsión de crecemento contida no PXOM de problema "grave", por "conflictivo e prexudicial".

Pola súa banda, o portavoz do BNG, Henrique Viéitez, afirmou que este "é un bo plan", aínda que "hai algúns aspectos que nos inquietan". No lado positivo do documento, o nacionalista mencionou a necesidade do Plan Xeral e a participación de "todo o entramado social da cidade" na súa elaboración. Como defecto principal deste proceso, Viéitez sinalou a insuficiente corresponsabilidade entre administracións.

Por último, Manoel Soto, do PG, dixo botar en falta no PXOM aspectos como o acceso a Vigo polo Oeste, o desenvolvemento portuario, que "brilla pola súa ausencia", e a posibilidade dunha nova ponte sobre a ría.
Descargar todas as imaxes