Escoitar

Teatro e danza alternativos en Vigo do 8 ao 18 de marzo

Vigo acollerá do 8 ao 18 de marzo o seu Festival Alternativo de Teatro e Danza, que este ano chega á súa quinta edición baixo a denominación ALT’06. Con esta aposta polas creacións artísticas máis actuais e vangardistas, a Concellaría de Cultura completa unha programación estable de artes escénicas ao longo de todo o ano.

xoves, 23 feb 2006
1140704321mupi.jpg
Segundo o concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, "o festival segue apostando ante todo por unha programación de alta calidade", que unida ás novidade que se inclúen en cada edición "convérteno nun programa dinámico e en constante evolución".

En ALT’06, ao protagonismo habitual do Auditorio Municipal e do salón de actos do MARCO unirase a utilización doutro foco cultural da cidade, a Casa das Artes, na que, ademais de representarse cinco obras, terán lugar proxeccións de vídeo-danza e unha exposición fotográfica de teatro.

A habitual presenza de montaxes internacionais na programación de ALT confírmarase este ano coas actuacións dunha compañía danesa, outra arxentina e tres portuguesas. Todo isto sen esquecer a presenza de compañías españolas e as montaxes galegas máis recentes.

Ademais, a Concellaría de Cultura non quixo descoidar o aspecto formativo do festival, e por iso chegou a un acordo coa recentemente estreada Escola Superior de Arte Dramática e coa Escola Municipal de Teatro para que o seu alumnado poida acudir gratuitamente aos espectáculos programados

O prezo das entradas para as obras que se representarán dentro do ALT’06 é de cinco euros.

Pódese obter máis información sobre o festival a través dos números de teléfono 986 42 25 41, 666 99 04 03 e chamando ao Servizo de Atención Cidadá (010), ou entrando na páxina web www.vigo.org.
Descargar todas as imaxes

Máis información