Escoitar

Concello e Autoridade Portuaria están de acordo na reordenación do Porto de Vigo

O Goberno local, os grupos políticos do Concello e a Autoridade Portuaria comparten a mesma visión do que deben ser a ampliación e a reordenación do Porto de Vigo, así como das relacións entre este e a cidade. Así quedou de manifesto hoxe xoves tras o encontro entre a alcaldesa, Corina Porro, e o presidente da Autoridade Portuaria, Abel Caballero.

xoves, 26 xan 2006
1138285587caballero250106a.jpg
"Imos apoialo totalmente". Con estas palabras se referiu Corina Porro ao proxecto que lle presentou Abel Caballero hoxe xoves, día que a alcaldesa cualificou de "moi importante" para Vigo. Porro salientou que este proxecto é "froito dun debate sosegado e do consenso". Con maior ou menor entusiasmo, os protavoces dos grupos da oposición, con quen Caballero falou despois de reunirse coa alcaldesa, deron por boa a proposta.

O proxecto de reordenación do Porto parte da "urxente necesidade" de ampliar as superficies dispoñibles, contar con máis liña de atraque con calados axeitados para a nova xeración de buques e reorganizar as plataformas dedicadas a contedores. Abel Caballero considera que, sen estas modificacións, o Porto de Vigo, que vén rexistrando un importante incremento da súa actividade, perderá competitividade e mesmo chegará a colapsarse. As actuacións necesarias para evitar esta situación débense acometer, segundo Caballero, co "máximo respecto á ría" e "a cesión á cidade de espazos de libre utilización cidadá".

Este plan de acción pode dividirse en dúas grandes zonas: peirao de trasatlánticos e área central, por unha parte, e a zona portuaria de Bouzas, por outra. Na primeira zona, o proxecto contempla como prioritaria a creación dun novo peirao de cruceiros que permita, xunto cao dársena actual, o atraque de ata tres ou catro buques, de tal modo que Vigo sexa, con Lisboa, a escala de cruceiros máis importante da fachada atlántica da Península.

Ademais, a dársena interior do peirao de atraque será ocupada por un gran porto deportivo, extensión do actual. A explotación económica deste novo porto deportivo financiará o conxunto da operación do peirao de trasatlánticos e paseos marítimos.

Dentro da filosofía, anunciada por Caballero, de "derrubar os valados que separan o Porto e a cidade", as zoans de utilización cidadá, paseos marítimos e zonas de ocio serán as seguintes:

- O peirao da dársena nº 2, desde a praza do Berbés ata o centro Comercial da Laxe, incluída toda a Estación Marítima.
- Todo o Peirao do Comercio, liberando o tramo interior do edificio da Xunta de Galicia.
- O tramo da explanada que vai desde o Peirao de Comercio ata os xardíns do Areal.

Deste xeito, Vigo pasará a contar con paseos marítimos cun percorrido total de 3,5 kilómetros, dos cales 1,2 serán novos. A superficie liberada de usos portuarios e que pasará a ser de utilización cidadá e de ocio ascende a 200.000 m2.

Bouzas

Canto á zona de Bouzas, a proposta consiste en construír un peirao de 700 metros de lonxitude na actual escolleira, que se adentre na ría uns 100 metros, o mínimo preciso para atinxir o calado de 20 metros. Deste xeito quérense pór en operación 300.000 m2 de superficie, que cunha eficiente loxística apoiada na Plataforma Loxística do Porto permitiría "alcanzar límites razoables de operatividade", cifrados en cando menos 450.000 teus/ano. Tamén en Bouzas prevese a transformación da fronte oeste da terminal nunha praia artificial urbana de acceso peonil.

Abel Caballero calcula que a ampliación e reordeanción do Porto de Vigo pode estar culminada en tres anos.
1138285587caballero250106a.jpg
1138285632caballero250106c.jpg
1138285675portoi.jpg
1138285705portou.jpg
Descargar todas as imaxes