Escoitar

O Consello da Xerencia do 28 de febreiro decidirá a data do Pleno para aprobar o PXOM

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo decidirá, nunha reunión extraordinaria o próximo 28 de febreiro, a data do Pleno en que se aprobará provisionalmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

venres, 20 xan 2006
1137768481voceiros200106.jpg
Segundo explicou o xerente de Urbanismo, Xavier Rivas, tras a reunión da Xunta de Voceiros celebrada hoxe venres, a impresión do documento que rexerá o urbanismo de Vigo nos vindeiros anos está xa en marcha, de cara á súa entrega aos grupos políticos o día 31 de xaneiro.

A elección do 28 de febreiro como data do Consello da Xerencia que decidirá cando se vota este documento no Pleno responde, segundo afirmou o voceiro do BNG, Xavier Toba, ao desexo de "utilizar todo o mes para traballalo". Toba, que se mostrou de acordo con esta medida, queixouse do retraso de entre oito e dez meses con que, segundo dixo, se chegou a este punto.

Outro dos aspectos discutidos na Xunta de Voceiro de hoxe venres foi o lugar onde se celebrará o dito Pleno e quen poderá asistir. O Goberno local propón que sexa no Salón de Actos e só con convidados que representen a todos os grupos implicados na tramitación do PXOM, mentres que o PSdeG-PSOE quere que sexa no Salón de Actos e coa entrada permitida a calquera persoa, sempre que sexa debidamente identificada e controlada.

Por outra parte, o portavoz socialista, Mauricio Ruiz, tamén pediu información sobre o estado das alegacións presentadas ao PXOM. Neste sentido, Xavier Rivas asegurou que están "informadas polo equipo redactor". O xerente de Urbanismo, xunto ao voceiro do Goberno Local, José Manuel Figueroa, apuntou como idónea a posibilidade de que a constestación ás alegacións se poida realizar a través de Internet.
Descargar todas as imaxes