Escoitar

O orzamento municipal de 2006 proposto polo Goberno roza os 208 millóns de euros

O concelleiro de Economía, Javier Guerra, presentou hoxe luns a proposta de orzamento municipal para 2006, que o Goberno local espera ver aprobada polo próximo Pleno. O orzamento, que Javier Guerra cualificou de "ben executado tecnicamente", atinxe unha cifra récord de 207,9 millóns de euros.

luns, 16 xan 2006
1137417366guerra160106.jpg
Esta cantidade supón un 10,3% máis que a do orzamento de 2005. O concelleiro de Economía defendeu este incremento argumentando que se basea nunha "análise pormenorizada e específica de cada unha das partidas".

Así mesmo, Javier Guerra salientou que desde un punto de vista técnico o orzamento de 2006 "continúa de forma definitiva a liña de mellora da eficiencia no gasto improdutivo e, por tanto, da eficacia na asignación dos recursos económicos do Concello". Isto fundaméntase nunha nova redución dos gastos improdutivos e no axuste dos gastos correntes.

Outra característica do orzamento deste ano destacada por Guerra é o "ambicioso" aumento dos capítulos investidores. Así, os capítulos 6 e 7 dos gastos soman 33,1 millóns de euros (o 16% do total), cifra que duplica practicamente os 17,5 millóns de 2003.

O capítulo 6 (Investimentos Reais) contará con 18,5 millóns de euros, que se destinan a actuacións descentralizadoras e vertebradoras (o coñecido como "Plan de Parroquias") e a varias concellarías, entre as que destaca, con aproximadamente a metade do total, a de Vías e Obras. Para este departamento contémplanse accións como a construción de beirarrúas no rural (1,2 millóns), melloras na alameda de Bouzas (620.000 euros) e obras de humanización como as do Calvario (2,7 millóns) e as do contorno de Balaídos (cerca de 1,2 millóns).

Para Javier Guerra, estes investimentos demostran que o orzamento de 2006 está "preocupado por e pensado para os cidadáns", o que tamén queda reflectido, segundo o concelleiro, nas cantidades destinadas a Cultura (máis de 1,3 millóns de euros) e Deporte (cerca de un millón).

O capítulo 7 (Transferencias de Capital) crece nun 246% con respecto a 2005, ata situarse en 14,6 millóns de euros. A maior parte desta suma (12,5 millóns) será para as anualidades de 2005 e 2006 do Palacio de Congresos.

Outra característica do orzamento de 2006 resaltada por Javier Guerra é a redución do endebedamento municipal, concepto que aumenta un 5,9%, fronte ao 10,3% do total do orzamento. Isto baséase tamén, segundo o concelleiro, na "mellora da eficacia no gasto".

Ademais, Javier Guerra cualificou a súa proposta orzamentaria de "realista" desde o punto de vista dos ingresos, xa que reduce a presión fiscal, tanto directa como indirecta. Así, os impostos directos pasan a representar o 39% dos ingresos, fronte ao 42% de 2005, e os impostos indirectos baixan do 5,8% en 2005 ao 5%.

O Goberno local, en palabras do seu portavoz, José Manuel Figueroa, quere "aprobar este orzamento o antes posible". Figueroa aclarou que o documento presentado hoxe luns "pode enriquecerse" coas suxestións dos grupos políticos da oposición e dos veciños.
Descargar todas as imaxes