Escoitar

O acordo de disponibilidade horaria mellorou o servizo da Policía Local en 2005

O concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Antonio Coello, e o xefe da Policía Local, Carmelo del Castillo, salientaron os efectos positivos do acordo de disponibilidade horaria sobre os servizos prestados pola Policía Local.

venres, 13 xan 2006
1137160587policia130106.jpg
Este acordo foi asinado polo departamento de Mobilidade e Seguridade e as centrais sindicais co obxectivo de permitirlles aos axentes cobrar un plus por prestar servizo os días libres de que dispoñen entre as súas correspondentes quendas de traballo.

Segundo explicou Antonio Coello, a medida adoptouse pola "dificuldade para cubrir co servizo ordinario eventos extraordinarios como a Procesión do Cristo, a Cabalgata de Reis, os desfiles do Entroido e a Batalla de Flores". En 2005, ademais, a saída da Volvo Ocean Race supuxo un esforzo engadido para a Policía Local.

A memoria das actuacións da Policía Local reflicte unha mellora xeral do labor desempeñado por este corpo, que Carmelo del Castillo atribuiu ao acordo de disponibilidade horaria, xa que agora "temos servizo normal no verán".

Así, de maio a xullo de 2005 a Policía Local realizou 336 denuncias polo uso do teléfono móbil durante a condución de vehículos. A campaña de control de ciclomotores e motocicletas, desenvolvida de abril a xuño, saldouse con 784 denuncias por infraccións do regulamento de circulación. No mesmo periodo, a campaña de control do uso do cinto de seguridade conseguiu que este se incrementase do 20% anterior á campaña ao 98% rexistrado en novembro, porcentaxe que se mantén na actualidade.

Outras medidas de control do tráfico incluíron a campaña especial de control da alcoholemia, no outono, que será retomada a partir do próximo 16 de febreiro. Neste sentido, Carmelo del Castillo afirmou que os controles poderán ser "calquera noite e en calquera rúa", algo que valerá tamén para outras posibles infraccións, como o exceso de velocidade.

A preocupación pola sinistralidade vial levou ao desenvolvemento dunha campaña durante o outono de 2005, tras a cal se constatou unha redución do 16,5% no número de accidentes con víctimas nun conxunto de vinte vías.

Así mesmo, 2005 foi o ano en que o multamóbil comezou a patrullar as rúas de Vigo, sendo o número de denuncias efectuadas de marzo a outubro unhas 23.000.

Por outra parte, a Policía Local tamén desenvolveu campañas de control da conflictividade en 70 colexios e institutos, con máis de 300 revisións, e de vixilancia nos parques públicos, cuns 180 controles.
Descargar todas as imaxes