Escoitar

Presentada a exposición fotográfica "Achégate ás persoas con autismo"

O Concello colabora coa Fundación Menela na programación da exposición "Achégate ás persoas con autismo" que se presentou hoxe xoves, 22 de decembro.

xoves, 22 dec 2005
1135258170autismo.jpeg
A exposición fotográfica foi elaborada pola Confederación Autismo-España a partir de fotografías achegadas polas distintas entidades asociadas. O obxectivo da mostra é dar a coñecer o traballo fotográfico de diversos autores dun xeito dinámico e asequible para calquera tipo de público, difundindo a realidade do colectivo das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) desde diversas ópticas, cunha visión positivista que amosa como son, como traballan e como viven as persoas con autismo, as súas familias e os profesionais cos que comparten o día a día.

O reto consiste en "sacar" o autismo do plano exclusivamente conceptual e facerlle chegar ao visitante a cara máis humana dun trastorno que a miúdo, debido aos estereotipos do cine e a literatura, pasa por ser asemade o máis próximo e o máis descoñecido dos trastornos psíquicos. O cualificativo "autista" úsase comunmente sen rigor por unha sociedade que descoñece a realidade diaria, os esforzos, as inquedanzas deste colectivo por integrarse plenamente no seu conxunto.

Por iso, a exposición convida o espectador a coñecer máis de preto un mundo fascinante, poñendo o visitante no lugar dunha persoa con autismo. Se se deixa levar e fai un esforzo mínimo de empatía, o visitante sairá persoalmente enriquecido cun punto de vista máis real e completo que, de seguro, cambiará interiormente a súa percepción do mundo da discapacidade en xeral e do autismo en particular.

Esta mostra vén de ser presentada recentemente en Santiago de Compostela no Congreso "Aspanaes 25 aniversario", e chega a Vigo grazas á cesión desinteresada da Confederación Autismo-España e os bos auspicios do seu presidente, o galego José Antonio García Villar. A Xunta de Galicia tamén colabora coa exposición, a través da Secretaría Xeral do Benestar.

A exposición consta de 35 paneis de 1 metro de ancho por 2 de alto, nos que se combinan fotografías e texto e estará instalada no edificio CAMI, propiedade da Fundación Menela, na rúa Laxe, núm. 3, dende o vindeiro día 22 de decembro. A mostra poderase visitar de luns a venres laborables ata o 20 de xaneiro, de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:30.
Descargar todas as imaxes