Escoitar

O ciclo Xeración 2000+2 prosegue cun recital de clarinete e piano

martes, 21 mai 2002
imx1433.jpg
Programa
A Concellería de Cultura organiza o ciclo de intérpretes para un novo século ”Xeración 2000+2” co que se pretende renovar o elenco de músicos e brindarlles oportunidades ás novas xeracións de intérpretes e compositores. O ciclo, dirixido por Roberto Relova, seguirá o xoves 23 de maio na Sala de concertos Martín Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo cun recital de clarinete e piano de Leiva e Amoedo e o sábado 25 co dúo Represas e Rodríguez de piano a catro mans.

Ata o 14 de xuño, Vigo disporá da máis selecta e renovadora colección de novos intérpretes cun programa coidado e variado que vai dende a música española do século XVI ó século XXI pasando por Bartok, Ravel, Beethoven, Mendelssonh, Rossini, Mozart, Falla, Haydn, Schubert, Fernando Sor, Montsalvage e rematando coa “Historia do soldado” de Igor Stravinsky.

Leiva e Amoedo, formados no Conservatorio Superior de Música de Vigo e relacionados coa docencia no mesmo centro, son os dous novos intérpretes que iniciarán este ciclo. Clarinete e piano únense e compleméntanse para ofrecer un recital no que o público poderá gustar de estilos de música diferentes, dende os máis clásicos, como é o caso de Rossini, ata os contemporáneos, caso de Kóvacs ou Brotóns. O mestre Asterio Leiva ó clarinete e o acompañamento ó piano de Alejo Amoedo farán posible este recital.

Asterio Leiva naceu en 1976 en Zurcí, aínda que se trasladou a Galicia. Así, á idade de oito anos iniciou os seus estudios musicais no Conservatorio Superior de Vigo, da man do profesor Francisco Pérez. As súas excelentes aptitudes permitíronlle obte-lo título de profesor superior de música na especialidade de clarinete. Era o ano 1994 e graduouse con premio especial fin de carreira. Para amplia-los seus estudios viaxou a Holanda, onde estivo baixo as ordes do profesor Walter Boeykens no Real Conservatorio de Música de Róterdan. Máis tarde recibiu as ensinanzas do profesor Antonio Saiote na Escola Superior de Música e Artes Escénicas de O Porto. Actualmente é profesor de clarinete do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

O redondelán Alejo Amoedo cursou estudios nos conservatorios de Pontevedra, Santiago e Vigo, onde concluíu con altas cualificacións en piano, solfexo, repentización, acompañamento e música de cámara. Tras especializarse no acompañamento vocal, foi seleccionado e obtivo unha bolsa para o “I Programa de Práctica Orquestral”. Coa formación Dúo de Pianos obtivo varios galardóns en distintos festivais e o diploma de honra no TIM que se celebrou en Zaragoza. Actualmente é pianista acompañante no Conservatorio Superior de Música de Vigo nos departamentos de vento, madeira e canto.

Descargar todas as imaxes