Escoitar

As obras de saneamento de Zamáns comezarán a próxima semana

Corina Porro e Rafael Louzán asistiron á presentación destas obras que contarán cun orzamento de 2.631.884 euros e comezarán esta semana, sendo o seu prazo de execución dun ano.

mércores, 20 xul 2005
1121867962zama.jpg
A alcaldesa Corina Porro asistiu, xunto co presidente da Deputación de Pontevedra Rafael Louzán e o concelleiro de Servicios Xerais, José Manuel Igrexas, ao acto de presentación das obras de saneamento que se realizarán, a partir da próxima semana, na parroquia de Zamáns, así como outras actuacións xa realizadas que foron posteriormente visitadas, como diversos asfaltados de pistas ou a instalación dun parque infantil.

As obras de saneamento contan cun orzamento de 2.631.884 euros financiados entre os Fondos Europeos (80%) e o Concello (20%) e teñen por obxecto a instalación da totalidade da rede na parroquia, resolvendo así as carencias do sistema actual, que se remontaba ás fosa sépticas e a eliminación das augas fecais por regos, como aínda se fai en moitas parroquias galegas. Esta nova infraestructura permitirá recoller os vertidos da parroquia e transportalos ata a depuradora de Gondomar para o seu tratamento.

As obras se compoñen de diversos colectores de saneamento cunha lonxitude total de 11.736 metros e unha estación de bombeo cun tanque de tormenta. Para os colectores utilizaranse entubados de PVC compacto de diámetros 315, 400, 500 e 630 milímetros, así como tubos de formigón armado de 800 milímetros de diámetro.

As obras inclúen un pozo de bombeo cunha tubería de impulsión de 654 metros de lonxitude e leva incorporado un depósito de retención para evitar os alivios dende o bombeo ao regato en caso dun fallo do subministro eléctrico ou fortes precipitacións.

Estas obras afectan a unha poboación de aproximadamente 2.000 habitantes da parroquia de Zamáns, concretamente aos núcleos de Igrexa, Vilaverde, Cidans e Marcosende, e o seu prazo de execución será de 12 meses.
Descargar todas as imaxes