Escoitar

A Coral Casablanca levará os coros máis famosos da zarzuela a Castrelos

O Audotorio de Castrelos acolle este sábado, a partir das 23:00, o concerto "Zarzuela sí", co que a Coral Casablanca dará unha visión panorámica deste xénero musical, desde a súa vertente "chica" ata a chamada zarzuela grande.

martes, 19 xul 2005
1121775154zarzuela.gif
O concerto foi presentado hoxe martes polo concelleiro de Festas, Ignacio López-Chaves, como parte do programa das Festas do Cristo 2005. O concelleiro dixo que un espectáculo "tan español e tan noso como este tiña que ter representación nas festas da nosa cidade".

Ignacio López-Chaves mostrouse satisfeito porque a zarzuela contará cun "espazo para que a xente á que lle gusta poida gozar dela nun escenario como o Auditorio de Castrelos". Segundo o concelleiro, "a música clásica dálle categoría ás nosa festas".

Pola súa parte, o director da Coral Casablanca, Óscar Villar, asegurou que este concerto é necesario porque "hai dúas xeracións que non coñecen a zarzuela ou que a coñecen moi pouco" e deste xeito porderán achegarse tanto ao xénero chico como á zarzuela grande. Óscar Villar dixo que para a coral que dirixe esta actuación "é un reto importante e gustaríanos contar coa presenza de moitos vigueses".

Coral Casablanca

A Coral Casablanca está formada por un coro de 100 persoas e unha orquestra de 40. Ao concerto que ofrecerá o próximo sábado poderase asistir con entrada libre ata completar o aforo do Auditorio de Castrelos.

A Coral Casablanca do Círculo Mercantil de Vigo e Orquestra fundouse en 1957 no convento dos Padres Capuchinos, no barrio vigués do mesmo nome, e integrouse no Círculo Mercantil e Industrial de Vigo en 1967. O seu director fundador foi o pai Javier de Madrid, quen cedeu a batuta ao pouco tempo a Francisco Rey Rivero, director da coral ata decembro de 1988.

Nese momento incorporáronse a Coral A´Marosa, fundada dez anos antes, o seu actual director, Óscar Villar Díaz, e os pianistas Guillermo e Cristina García Lomba; ésta última ocupará o cargo de pianista titular ata xullo de 2003, data na que Ingrid Sotolarova pasa a ocupar o seu lugar. A Coral Casablanca é, polo tanto, a máis vella da cidade de Vigo.

A Coral ten recoñecidos máis dunha ducia de premios e ten actuado por toda Galicia, Portugal, Asturias, Euskadi, Canarias, Cataluña, Bruxelas, Estrasburgo e L´Orient. A Coral Casablanca posúe numerosas gravacións discográficas, entre as que destacan os dous últimos traballos: "As cantigas da terra e do mar" e "Canticorum Jubilo".

A zarzuela

Aínda que é definida, por algúns, coma un xénero menor, por outros coma un sucedáneo castizo da ópera italiana, o certo é que a zarzuela é un xénero que reflicte fielmente a mentalidade española dos séculos nos que estivo en auxe e achega un material moi interesante, tanto musical como teatral.

Se ben é certo que naceu en Madrid no século XVII, a súa consolidación como xénero culto e completo non chegaría ata o século seguinte. Desde as súas orixes estivo inspirada en temas e expresións autóctonas do folclore popular.

Tras pasar por diversas vicisitudes, a chegada do século XX supón a transformación para a zarzuela. Desde 1920 e co estoupido da Guerra Civil, a zarzuela grande coñeceu o momento de maior esplendor e a esta época pertencen a maior parte dos títulos que permanecen en repertorio. A pesar desta circunstancia, son poucos os apoios oficiais a este xénero, aínda que algunhas compañías privadas seguen a loitar pola súa pervivencia.
Descargar todas as imaxes