Escoitar

A programación infantil das Festas do Cristo pretende fomentar valores positivos nos rapaces

Baixo o lema "V3: Vigo Verán, Valores", a Concellaría de Festas e Animación Sociocultural vai organizar desde o vindeiro 22 de xullo un amplo calendario de actividades, que se van desenvolver en distintos barrios e parroquias da cidade co obxectivo de potenciar entre os cativos un lecer rico en experiencias formativas.

martes, 19 xul 2005
1121775243contera.jpg
Obradoiros, xogos, música e un longo etcétera completan unha programación que pretende garantir a diversidade de opcións para os rapaces. Estas actividades terán como escenarios lugares urbanos como a avenida de Montero Ríos ou a praza da Estrela, xunto con contornos de praia ou de parque, que servirán como punto de encontro para que os cativos gocen dunha diversión que potencie a súa aprendizaxe e a adquisición de novos valores.

O concelleiro de Festas, Ignacio López-Chaves, dixo que o obxectivo desta programación é que os rapaces "se divirtan, que gocen das vacacións, pero que aprendan tamén valores e coñezan novas culturas".

O programa, que finalizará o 30 de xullo, conta cunha achega de 30.000 euros por parte da Concellaría de Festas e estructúrase en tres bloques temáticos: educación intercultural, educación ambiental e educación para a cooperación.

Coas actividades de educación intercultural quérese espertar o interese dos cativos por coñecer novas culturas, así como desenvolver neles actitudes e colaboración con outras culturas. Así, dedicaranse distintas sesións ao mundo das cometas xaponesas, ao dos bailes africanos ou ao dos ritmos flamencos e brasileiros.

O bloque de educación ambiental ten por obxectivos xerais a comprensión dos principais problemas ambientais, a adquisición de estratexias para contrarrestalos e a creación dun sentimento de responsabilidade ante o medio ambiente. Neste bloque incidirase nas bondades da reciclaxe, a través de distintos xogos e obradoiros.

Por último, o bloque de educación para a cooperación potenciará a colaboración e o traballo en equipo a través de xogos cooperativos, e fomentará o traballo participativo evitando os xogos de carácter competitivo. A actividade coa cal se buscará a realización destes obxectivos consiste nun obradoiro de caracterización de piratas.
Descargar todas as imaxes