Escoitar

O Concello colabora no I Campus de Fútbol Sala, para rapaces de oito a 15 anos

O Club Deportivo Vigo Fútbol Sala organiza, coa colaboración do Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, o I Campus de Fútbol Sala Cidade de Vigo "Aprende e Disfruta", co obxectivo de que os máis novos poidan gozar das súas vacacións nun ambiente san e deportivo.

mércores, 6 xul 2005
Esta actividade terá lugar no Pavillón das Travesas, contando con tres pistas de fútbol-sala cubertas e a piscina da propia instalación, e celebrarase do martes 16 de agosto ao sábado 20 do mesmo mes, en horario ininterrompido de 10:00 a 19:00, tendo programada a comida para as 14:00. O Campus está aberto a nenos e nenas de oito a 15 anos ata cubrir un total de 100 prazas e contará cun grupo específico de porteiros que traballarán os seus propios conceptos técnicos e tácticos.

O Campus desenvolverase en grupos grandes e reducidos baixo a supervisión dun monitor-adestrador, tratando, de forma rotativa e axeitada ás distintas idades dos rapaces, aspectos como a técnica, a táctica e a estratexia do fútbol sala. En cada sesión estará presente unha estrela convidada deste deporte, todos eles xogadores profesionais da División de Honor ou de Prata.

A actividade deportiva principal estará acompañada doutras actividades lúdicas e de tempo libro, como competicións internas e excursións, así como sesións na piscina, coa intención de que os participantes gocen das vacacións compartindo a súa afeción con outros rapaces deportistas da mesma ou de parecida idade. Ademais, realizaranse diversos xogos e talleres, como os de pulseiras, coiro, nós e chaveiros.

Con todo isto, os organizadores deste campus pretenden inculcar nos participantes, de maneira divertida, unha serie de valores que inclúe a educación, a disciplina, o respecto, a deportividade, o traballo e o compañeirismo.

O colofón do Campus será o propio día da clausura, o sábado 20 de agosto, cando se dispute unha liga interna na cal os participantes poderán demostrar todos os coñecementos técnico-tácticos adquiridos desde o día 16. A actividade terá como punto e final a asistencia gratuíta dos nenos ao V Torneo Concello de Vigo, no que se enfrontarán o equipo organizador, o C.D. Vigo F.S., e un equipo da División de Honor, posiblemente o Interviú Boomerang.