Escoitar

O boxeador vigués Ivan Pozo loitará polo Campionato de Europa de peso mosca o venres á noite no Pavillón das Travesas

O boxeador vigués Iván Pozo combaterá como aspirante co italiano Andrea Sarritzu polo Campionato de Europa de peso mosca, o próximo venres á noite no Pavillón Central das Travesas.

martes, 5 xul 2005
1120563514ivan2.jpg
O próximo venres 8 de xullo, a partir das 22:30, terá lugar no Pavillón Central das Travesas unha velada da boxeo cuxo prato forte é o combate polo Campionato de Europa de peso mosca (menos de 50,8 kilogramos) no que se enfrontarán o vigués Iván Pozo, aspirante, e o italiano Andrea Sarritzu, como defensor do título.

Durante a presentación deste combate, onte luns no Concello, Iván Pozo asegurou que para el "esta é unha pelexa importantísima", xa que "nunca un galego conseguiu un europeo, e españois que o teñan conseguido hai moi poucos". Sobre Andrea Sarritzu, o púxil vigués anticipou que "é un rival duro e a pelexa vai ser complicada", pero mostrouse seguro nesta afirmación: "Loitarei pola miña cidade, por Vigo".

A coincidencia na importancia do combate do venres noite foi unánime. A concelleira de Deportes, Lucía Molares, dixo que estamos "ante un grande evento deportivo" porque "é a primeira vez que un galego pode conseguir este campionato". Lucía Molares aventurou que "será unha lota moi disputada porque o italiano, que é o actual campión de Europa, vaillo poñer moi difícil" a Iván Pozo. A concelleira definiu a este como "un vigués do que estou segura de que o vai dar todo".

Na mesma liña manifestouse o presidente da Federación Galega de Boxeo, Pastor López, quen dixo que "chegar a ser número 1 en Europa é moi, moi difícil". Segundo Pastor López, ir máis alá e disputar o título do mundo sería "un acontecemento extraordinario".

No acto de presentación do combate tamén estivo presente, para apoiar o seu discípulo, o adestrador e manager de Iván Pozo, Francisco Amoedo, quen é ademais presidente do Club Saudade.

Precisamente no Club Saudade, así como no restaurante Puesto Piloto de Alcabre, é onde se poden adquirir as entradas para a velada puxilística. Os prezos son de 15 euros para as bancadas e de 20 para as cadeiras.
1120563514ivan2.jpg
1120563544ivan1.jpg
Descargar todas as imaxes