Escoitar

O Día da Muiñeira ensalzará o folclore galego un ano máis con preto de 2.600 participantes

O Día da Muiñeira reunirá o domingo 5 de xuño na rúa Venezuela preto de 2.600 persoas, que bailarán e tocarán seguindo este ritmo característico do noso folclore. Este evento é un anticipo do Ensalzamento e da Mostra do Traxe Galego.

xoves, 2 xuñ 2005
1117717266muineira.jpg
O concelleiro de Festas e Animación Sociocultural, Ignacio López-Chaves, presentou hoxe xoves a 35ª edición do Día da Muiñeira, que se vai celebrar este domingo, día 5 de xuño, na rúa Venezuela, a partir das 12:00.

Esta é a primeira das tres actividades previstas en colaboración coa Escola Municipal de Danza e mais El Corte Inglés, xunto coa sexta edición do Ensalzamento do Traxe Galego, que terá lugar o próximo 18 de xuño, e a 15ª Mostra do Traxe Tradicional Galego, o 29 de xullo. Estes tres eventos teñen como obxectivo principal a difusión do folclore entre os nosos cidadáns e a conservación das tradicións galegas máis arraigadas na nosa sociedade.

Neste Día da Muiñeira tomarán parte preto de 2.600 persoas de todas as idades, cun total de 150 grupos formados non só por representantes de distintos colexios e entidades de Vigo, senón tamén de varios concellos da provincia de Pontevedra e de Rianxo, na da Coruña.

Ignacio López-Chaves dixo esperar "que esta celebración popular sexa todo un éxito organizativo e, como é habitual, contemos con numerosísimo público que se achegue á rúa Venezuela a disfrutar con este espectáculo musical e visual.

O director da Escola Municipal de Danza, Wenceslao Cabezas "Polo" agradeceu a axuda prestada por Coca-Cola, Dulce Sol, Aguas de Mondariz e El Corte Inglés para a celebración do Día da Muiñeira. Wenceslao Cabezas lamentou a reducción do número de nenos e nenas de entre catro e oito anos en eventos como este, debido ao descenso da natalidade.

Pola súa banda, o director de relacións externas de El Corte Inglés, Pati Blanco, afirmou que "é un luxo ter a oportunidade de relacionar a nosa empresa coa manifestación máis importante do folclore e da cultura popular da nosa comunidade autónoma". Pati Blanco lembrou que El Corte Inglés colaborou co Día da Muiñeira desde a súa primeira edición cun patrocinio que reforzou os lazos de unión entre esta empresa e Vigo.
Descargar todas as imaxes