Escoitar

"Mans creativas" mostra as actividades realizadas por mulleres

A exposición recompila os traballos resultantes do programa de cursos e obradoiros que a concellería de Muller realiza a través das diferentes asociacións ou vocalías de Muller da cidade. A mostra estará composta por unha exposición no Círculo Mercantil e varios obradoiros ao aire libre.

xoves, 2 xuñ 2005
A alcaldesa e a concellería de muller inauguran na tarde do xoves a exposición "Mans creativas", unha iniciativa consistente en dúas actividades que recompilan o traballo de todo un ano dentro do programa "Eu tamén sei", que se ven efectuando dende o pasado mes de outubro.

A exposición que terá lugar os días 2, 3, 4 e 5 de xuño no Círculo Mercantil mostra os traballos e fotografías dos diversos cursos e obradoiros. Preto de 1.600 mulleres de máis de 52 asociacións participaron nestes cursos que, segundo a concelleira de Muller, Lucía Molares, marcharon en tres direccións: "Uns tiveron que ver coa saúde e hábitos de vida, como o de Tai-chi ou o de memoria. Outros tiveron relación con actividades creativas, como o de coiro ou encaixe de palillos. E outros, os máis novidosos, foron orientados cara a consecución da igualdade entre sexos, como os de fontanería e electricidade, tarefas que tradicionalmente sempre desempeñaron os homes", explicou a concelleira.

A exposición conta con obradoiros ao aire libre, que serán mostras en vivo dos traballos realizados en cada un deles. Os espacios de montaxe son dous, a praza da Princesa e a praza da Constitución. No primeiro desenvolveranse obradoiros máis creativos e artesanais, tales como o de coiro ou cestería. Na praza da Constitución terán lugar outros máis dinámicos como o tai-chi ou o aeróbic. Os obradoiros ao aire libre terán lugar o venres 3 e o sábado 4 a partir das 5 da tarde.