Escoitar

O mellor balonmán do mundo nas Travesas

O partido que disputarán o mércores o Ademar León e o Portland San Antonio é, segundo o presidente do Pilotes Posada, Javier Rodríguez, "un dos mellores partidos que poden verse en Europa".

martes, 24 mai 2005
1116940866balonman.jpg
A concelleira Lucía Molares e mailo presidente do Academia Octavio Pilotes Posada, Javier Rodríguez, presentaron o partido de balonmán pertencente aos cartos de final da Copa do Rei que se disputará mañá mércores ás 20,30 horas no pavillón das Travesas de Vigo entre o Ademar de León e o Portland San Antonio de Pamplona. A concelleira explicou que dada a importancia do evento, fixaranse uns prezos o máis reducidos posibles para propiciar a asistencia masiva da xente. Así o importe das entradas será de 5 euros os adultos, 2 euros entre 10 e 18 anos e de balde para os menores de 10 anos.

Con estes prezos populares e a multitude de invitacións que se mandarán aos clubs deportivos sénior da cidade e a un bo número dos júniors en función da cantidade de xogadores federados, a organización prevé un cheo absoluto en Travesas. Segundo Javier Rodríguez, a organización de eventos de este tipo non sempre resulta rendible pero que neste caso á cidade tocoulle o gordo. "O partido que se disputará en Vigo é do mellor que pode verse no mundo, entre o campión da Liga española e o campión da Recopa. Neste partido hai sete campións do Mundo con España e outros tantos que o foron coas súas respectivas seleccións. Ademais está o interese engadido de ver por derradeira vez a Richardson, un dos tres mellores xogadores mundiais dos últimos 20 anos", dixo.

A achega do Concello para esta organización foi de 9.000 euros e as entradas poden adquirirse nas oficinas do club organizador, o Pilotes Posada, e na Fundación.
Descargar todas as imaxes