Escoitar

Benestar Social e Plan Comunitario de Teis asinan un convenio dirixido aos nenos

O convenio vai dirixido a escolares de 7 a 12 anos principalmente e supón un investimento de 9.021,57 euros. Ten tres liñas de actuación: educativa, lúdica e psicosocial.

luns, 23 mai 2005
1116855783teis.jpg
A concellería de Benestar Social e o Plan Comunitario de Teis asinaron hoxe luns un convenio de colaboración dirixido aos máis novos e enmarcado no ámbito preventivo das problemáticas sociais. Este convenio, que supón un investimento de 9.021,57 euros, desenvolverá unha serie de accións por parte da asociación, que traballará de xeito complementario ao Servizo de Infancia e Familia.

No convenio proponse a realización de iniciativas de integración social que constan de tres partes ou orientacións: unha educativa e de apoio escolar, outra lúdica e outra de apoio psicosocial. O programa intervén dúas veces por semana pero os nenos que se acollan a el participarán tamén en todas as actividades que a nivel xeral desenvólvense no barrio.

O Programa de Atención ao Menor de Teis vai dirixido principalmente a nenos de 7 a 12 anos, aínda que poden tamén integrarse outros que non pertenzan a esta franxa de idade. Trata de detectar posibles carencias nos nenos do barrio a nivel educativo, cognitivo ou familiar e actuar sobre elas. Ata o momento o Plan atende a 12 rapaces.

No PAM. Teis traballarán tres persoas ademais de todos os voluntarios que queiran participar: unha coordinadora, un técnico en animación sociocultural e un educador social. O convenio estará en vigor ata o 31 de decembro de 2005.
Descargar todas as imaxes