Escoitar

O Consello Social da Lingua Galega de Vigo celebra a súa xunta constitutiva

A alcaldesa, Corina Porro, presidiu na Casa Galega das Artes a xunta constitutiva do Consello Social da Lingua Galega de Vigo. Esta entidade, composta por diversas institucións, colectivos e empresas, pretende contribuír á normalización do galego no noso municipio.

venres, 13 mai 2005
1115984608snl1305.jpeg
O Consello Social da Lingua Galega de Vigo celebrou hoxe venres na Casa Galega da Cultura a súa xunta constitutiva. Os obxectivos desta institución son asesorar, consultar e participar na política lingüística para conseguir a normalización do galego na sociedade viguesa.

As funcións do Consello Social da Lingua Galega son as seguintes:

a) Avaliar os obxectivos e resultados da política lingüística do Concello, elaborando anualmente un dictame sobre todas as accións impulsadas por este.
b) Estudar e analizar, xunto con Normalización Lingüística, cuestións relacionadas co fomento e promoción do galego na sociedade.
c) Dictaminar sobre os proxectos de planificación lingüística que teñan que ser aprobados polo Concello.
d) Propoñerlle ao Concello a elaboración de estudos e dictames de cara á adopción de medidas axeitadas para normalizar a lingua.

A presidencia do Consello correspóndelle á alcaldesa, Corina Porro. A vicepresidencia primeira exércea o concelleiro de Normalización Lingüística, Ignacio López-Chaves. A vicepresidencia segunda, aínda vacante, terá que ser ocupada por un membro da Real Academia Galega, despois de ser nomeado por esta para tal cargo. O secretario xeral do pleno do Consello, designado por Corina Porro, é José Riesgo Boluda.

Ademais, forman parte do Consello Social da Lingua Galega tres persoas de recoñecida competencia no campo da normalización lingüística, así como representantes de cada un dos grupos políticos con representación no Concello: Soledad Polo, do PP, Miguel Barros, polo PsdeG-PSOE, Margarida Martíns, polo BNG, e Manoel Soto, do PG. Tamén integran o Consello 19 vocais en representación de diversas entidades sociais, culturais, empresariais, políticas, relixiosas e deportivas.

Os órganos colexiados do Consello son tres: o Pleno, a Comisión Permanente e os Relatorios Sectoriais e Especiais. Ademais, poderán acudir aos plenos, con voz pero sen voto, persoas cuxa opinión sexa requirida por algún dos seus membros. Os Plenos reuniranse dúas veces ao ano de xeito ordinario e cantas sexa necesario por petición da presidencia ou dunha terceira parte dos seus compoñentes.

A creación do Consello Social da Lingua Galega débese a unha iniciativa do Partido Galeguista que o Pleno da Corporación aprobou por unanimidade o 27 de decembro de 2004.
Descargar todas as imaxes