Escoitar

Concello e Unicef, xuntos a favor dos afectados polo maremoto de Asia

Ambas entidades iniciarán un programa de concienciación e recadación de fondos para que a boa resposta obtida na situación de emerxencia ocasionada polo tsunami se extenda tamén na reconstrucción das zonas afectadas e noutras catástrofes menos coñecidas.

xoves, 3 feb 2005
1107440925unice.jpg
O concelleiro de Cultura, Educación, Sanidade e Benestar Social, Ignacio López-Chaves, presentou hoxe o programa de colaboración que o Concello está a iniciar xunto con Unicef coa finalidade de informar, concienciar e recadar fondos para os damnificados polo maremoto de Asia. A campaña iniciouse xa coa propagación mediante carteis, prensa e radio dos obxectivos da mesma, e completarase cunha carpa informativa situada na rúa Príncipe e unha marcha para recadar fondos onde estarán involucrados outras entidades sociais da cidade.

Ignacio López-Chaves salientou o esforzo do Concello por traballar nas causas humanitarias, recordando que nos últimos orzamentos incrementouse a partida destinada a Axuda ao desenvolvemento de 70.000 a 130.000 euros.

O coordinador de Unicef en Galicia, Mikel Urquiola, destacou a boa resposta dos cidadáns ante o desastre do tsunami e recoñeceu que Unicef conseguiu alcanzar o obxectivo prefixado para dar resposta á situación de emerxencia e cubrir as necesidades básicas dos afectados, cun total de 300 millóns de dólares recadados en todo o mundo. A intención desta entidade sen ánimo de lucro e seguir traballando e recadar agora fondos para a necesaria rehabilitación e reconstrucción das zonas afectadas para darlle unha vivenda digna a todas aquelas persoas que quedaron sen ela. Así, Unicef e o Concello de Vigo fan un chamamento á solidariedade das persoas que tan ben responderon ante a catástrofe, para que a mobilización cidadá non sexa flor dun día e se atendan de igual modo outras necesidades que tal vez non teñan unha cara tan definida e coñecida por todos.

Recadación en Galicia

Só en Galicia, a recadación polo desastre do tsunami a través dos catro comités provinciais e os cinco comités locais foi de 200.000 euros, dos que máis de 3.000 euros corresponden á cidadanía viguesa. Nesta apreciación non se contabilizan as contribucións das empresas, organismos públicos, entidades ou asociacións viguesas, que superan con moito esta cantidade.

Dende o Comité de Vigo prepáranse diversos actos co fin de recadar fondos e concienciar á cidadanía, como son os concertos que dará este mes a Coral "Allegro" ou a comentada carpa na rúa Príncipe, que irá dirixida principalmente á concienciación dos máis novos.
Descargar todas as imaxes