Escoitar

O Comité de Dirección da Saída da Volta ao Mundo de Vela aborda nunha reunión os preparativos da regata

O Comité de Dirección da Saída da Volta ao Mundo de Vela reuniuse este mediodía no Concello de Vigo co gallo da posta en marcha do reloxo que marcará a conta atrás do comezo da Volvo Ocean Race.

mércores, 26 xan 2005
1106750618reunion.jpg
O Comité de Dirección da Saída da Volta ao Mundo de Vela reuniuse este mediodía no Concello de Vigo co gallo da posta en marcha hoxe do reloxo que marcará a conta atrás do comezo da Volvo Ocean Race. Ao encontro asistiron, entre outros, a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo, e os alcaldes de Sanxenxo, Telmo Martín, e de Baiona, Jesús Vázquez.

O punto máis importante da reunión versou sobre a creación dun consorcio para definir actuacións suxeitas a beneficios fiscais, e no que participará, entre outros organismos, o Consello Superior de Deportes.

Ademais, a conselleira Pilar Rojo informou sobre a concesión de axudas a todos os clubs náuticos de Galicia. Estas axudas, que se concederán a través de Deporte Galego, sumarán un total de 1,5 millóns de euros e destinaranse ao financiamento das actividades dos clubs náuticos, así como á compra de equipamentos.

Pola súa banda, Corina Porro afirmou que "o traballo da Xunta será fundamental para que Galicia sexa unha ventá aberta ao mundo". Segundo a alcaldesa, este é "un día moi especial para Vigo e para Galicia".

Os asistentes á reunión de hoxe trasladaranse mañá a Madrid para visitaren a exposición Fitur co gallo do día de Galicia nesta mostra, onde terán un especial protagonismo o mar e a vela.
Descargar todas as imaxes