Escoitar

Lucía Molares presentará en Fitur a oferta turística de Vigo

A Feira Internacional de Turismo 2005 permanecerá aberta dende o día 26 ata o 30 de xaneiro no Recinto Feiral "Juan Carlos I" de Madrid.

martes, 25 xan 2005
A Concelleira de Turismo, Lucía Molares Pérez, presentará en Madrid a oferta turística de Vigo no marco da XXV edición de Fitur, que permanecerá aberta dende o 26 ó 30 de xaneiro.

Turismo de Vigo lidera a sección de turismo de cidades, xa que é a cidade de Galicia con maior infraestructura hoteleira e hostaleira e, polo tanto, a de maior peso turístico no producto de turismo de cidades.

A cidade está representada en Fitur 2005 cun espacio de 50 metros cadrados e viaxa baixo o pavillón de Turgalicia, a Sociedade de Promoción do Turismo de Galicia.

A Concellería de Turismo considera de enorme interese promocionar o turismo de cidade e o turismo náutico, co obxecto de captar visitantes en tódalas épocas do ano, podendo disfrutar na cidade dunha magnífica oferta cultural, gastronómica e de ocio.

A Concellería de Turismo aproveita a presencia neste foro de máis de 11.200 empresas, 750 expositores e máis de 100.000 profesionais para presentar a nova campaña de Turismo de Vigo, que sustentada na imaxe de marca "Sinte a Chamada" se dará a coñecer con novas propostas e imaxes da cidade.

Presentarase neste contexto o novo material promocional da cidade;

- Unha completa guía de recursos turísticos de 53 páxinas, con mapa de Vigo desplegable no seu interior.

- Un directorio de hoteis, hostais, restaurantes e servicios de interese; a guía do ocio, que se edita con carácter mensual, na que se recollen todas as actividades, exposicións, oferta cultural, eventos, feiras e outras citas que se celebran na cidade.

Turismo de Vigo cursou unha invitación a todos os representantes do sector da cidade para ofrecer o espacio institucional para levar a cabo contactos de carácter profesional.

Participan como expositores, xunto a Turismo de Vigo, nesta feira o Patronato de Turismo Rías Baixas, Comarca do Salnés, Concello de Lugo, Patronato de Turismo de Ourense, A Mariña Lucense, Comarca do Morrazo, Turismo de A Coruña, Mancomunidade Arousa-Norte, Turismo de Ferrol, Turismo de Santiago e o Xacobeo.

O Stand Institucional de Galicia estará situado no Pabellón 9, Stand 9C308 e 9C310 no Recinto Feiral "Juan Carlos I" (IFEMA)

Asemade, a Concellería utilizará este foro para presentar os numerosos recursos turísticos que a cidade ten vencellados ó mundo do mar e da náutica con motivo da próxima celebración da Volvo Ocean Race 2005, xa que esta prestixiosa competición terá como porto de saida a nosa cidade. Ademais darase a coñecer o programa gratuito de fomento da vela, auspiciado por Turismo de Vigo, "Vigo a vela".

A Concelleira de Turismo, Lucía Molares, aproveitará a celebración desta feira para manter unha reunión o día 26 con directivos de Aena e o Director do Aeroporto de Vigo para avanzar nas negociacións para a implantación de vós de baixo custo en Vigo.

Por outra parte, Lucía Molares asistirá o día 27 de xaneiro á celebración do Día de Galicia en Fitur e ós actos de presentación da Volvo Ocean Race.