Escoitar

Turismo de Vigo presenta a oferta turística da cidade en Lisboa.

Turismo de Vigo presentará a súa campaña de promoción para este ano no marco da Bolsa de Turismo de Lisboa, que se celebrará do 19 ó 23 de xaneiro no Parque das Nacións.

martes, 18 xan 2005
A Concellería de Turismo, que dirixe Lucía Molares Pérez, presentará a partir do vindeiro día 19 de xaneiro en Lisboa a oferta turística da cidade de Vigo, no contexto da feira turística máis importante de Portugal.

No Parque das Nacións abrirá o vindeiro día 19 as súas portas a Bolsa de Turismo de Lisboa, que constitúe unha oportunidade para que os profesionais do turismo poidan establecer os seus contactos e se poida amosar a oferta turística diante de máis de 70.000 profesionais e visitantes.

Turismo de Vigo acudirá a esta cita do sector baixo o pavillón de Turgalicia, cun espacio promocional de 9 metros cadrados, onde estará representada toda a oferta de productos turísticos da cidade.

A Concellería de Turismo aposta neste foro por unha oferta atractiva de turismo de cidades, tendo en conta que o público portugués é un dos mercados obxectivos máis interesantes, xa que segundo datos do IGE máis de 3.000.000 de visitantes, excursionistas e turistas cruzaron a fronteira portuguesa o pasado ano.

Turismo de Vigo cursou unha invitación a todos os representantes do sector da cidade para ofrecer o espazo institucional para levar a cabo contactos de carácter profesional.

Participan como expositores nesta feira hoteis, aloxamentos turísticos, servicios de hostalería, operadores turísticos e axencias de viaxes, organismos nacionais e internacionais, turismo de congresos, turismo deportivo, de natureza e aventura, así como prensa especializada.

A Concellería de Turismo aproveitará a presencia neste foro de máis de 18.000 profesionais e 1.200 expositores de máis de 90 países, para presentar a campaña promocional de Turismo de Vigo, que sustentada na imaxe de marca "Sinte a Chamada" se dará a coñecer con novas propostas. Incidirase especialmente en promover a cidade como sede de importantísimos eventos como a Volvo Ocean Race 2005, o Campionato do Mundo de Saltos Internacional, así como toda a programación prevista na cidade para o ano 2005.

Asemade, Turismo de Vigo, quere facer especial fincapé na oferta comercial e de ocio da cidade, trasladando á BTL a ampla oferta de áreas comerciais, distribuída por zonas xeográficas.

A importancia do mercado portugués ven determinada porque, segundo as estatísticas, os cidadáns residentes en Madrid e os residentes en Portugal, constituíron durante o pasado ano os principais clientes turísticos da cidade de Vigo.

A presencia da cidade de Vigo na Bolsa de Turismo de Lisboa responde, ademais, a unha estratexia para consolidar os éxitos obtidos pola promoción iniciada xa hai dous anos nas cidades máis importantes de Portugal. Turismo de Vigo continuará este ano coa oficina de turismo itinerante que percorrerá as principais cidades do norte de España e as cidades do Porto, Braga, Setúbal e Lisboa.