Escoitar

Corina Porro asina un convenio con Caixanova para a catalogación da obra de Laxeiro

A alcaldesa de Vigo e presidenta da Fundación Laxeiro, Corina Porro, e o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, asinaron esta mañá no Concello un convenio de colaboración polo que Caixanova se compromete a contribuír cun importe de 24.000 euros á catalogación da obra do pintor de Lalín.

luns, 17 xan 2005
1105971259convenio.jpg
A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, asinou esta mañá no Concello en calidade de presidenta da Fundación Laxeiro un convenio de colaboración con Caixanova polo que a entidade bancaria se compromete a contribuír cun importe de 24.000 euros aos traballos de catalogación da obra do pintor de Lalín, comezados en 2004.

Esta iniciativa ten por finalidade a elaboración dun Catálogo Universal Razoado, no que se reunirá información de toda a obra de Laxeiro e que se editará en 2008, coincidindo co centenario do nacemento do artista. A día de hoxe este proxecto está case acabado na súa primeira fase, que abrangue a obra de Laxeiro publicada en diversos catálogos e a existente en coleccións institucionais públicas e privadas. Ao longo do presente ano, a Fundación ten programado iniciar o proceso exhaustivo de catalogación da obra en poder de coleccionistas particulares.

Así mesmo, Caixanova tamén colaborará este ano na posta en marcha das Tarxetas de Amigos da Fundación Laxeiro. Estas tarxetas posibilitarán establecer canles de colaboración económica coa Fundación por parte de particulares e empresas.

Corina Porro dixo trala sinatura do convenio que a Fundación Laxeiro "non pode ter máis que palabras de agradecemento a Caixanova polo seu apoio desde o ano 2000". A alcaldesa recordou así as iniciativas da Fundación financiadas pola entidade bancaria, como a restauración da colección permanente do pintor, diversos ciclos, conferencias e exposicións itinerantes.

Pola súa banda, o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, mostrou a súa admiración por Laxeiro "como artista e como persoa" e afirmou que continuará apoiando a difusión da obra do pintor e o compromiso da Fundación coa arte contemporánea, especialmente coa dos artistas noveis de Galicia.
Descargar todas as imaxes