Escoitar

O Pleno do Concello aproba o orzamento xeral de 2005

Os votos a favor do PP e a abstención do PsdeG-PSOE e o PG permitiron aprobar esta mañá o orzamento xeral de Vigo para 2005. O PP cualifica este orzamento de austero, audaz e comprometido cos asuntos sociais, mentres os grupos da oposición consideran que podería ser mellor.

venres, 14 xan 2005
1105712871plenoi.jpg
O orzamento xeral de Vigo para 2005 saíu aprobado do Pleno Municipal de hoxe cos votos favorables do PP. PsdeG-PSOE e PG abstivéronse e o BNG votou en contra. O concelleiro do PP Javier Guerra defendeu a posición do seu partido argumentando que o orzamento xeral, que ascende a un total de 188,5 millóns de euros, é austero, audaz e de alto contido social.

Javier Guerra defendeu a austeridade do orzamento sinalando que nel se reducen os gastos non productivos, como os de Publicidade, Dietas e Protocolo, que diminúen nun 50% con respecto a 2003. Redúcense así mesmo outras partidas en resposta a unha reorganización interna, como son Información, Rexistro e Patrimonio e Contratación.

Ademais, Javier Guerra afirmou que o orzamento xeral de 2005 é audaz, baseándose no aumento do 20% da dotación prevista para Bens e Servizos. Outro capítulo salientable deste orzamento é o de Inversións Reais e Transferencias, que suma un total de 20,5 millóns de euros, cun crecemento do 11%. Entre as principais inversións, Javier Guerra salientou, entre outras, o Palacio de Congresos (2,5 millóns de euros), Vigo 2005 (1,5 millóns de euros), a humanización da Travesía de Vigo (800.000 euros), e a construcción de piscinas municipais en Coia e Valadares.

Así mesmo, o presente orzamento prevé a liquidación de parte da débeda contraída con provedores en anteriores exercicios, que ascendía a 89 millóns de euros o 30 de outubro de 2004. Respecto ao alto contido social, o orzamento de 2005 aumenta as partidas destinadas a Benestar Social nun 29% e un 27% en Educación. Tamén aumentan as cantidades destinadas a Deportes (140%) e ao coidado e limpeza das praias (114%). Segundo Javier Guerra, estas medidas contribuirán a fortalecer o que el denominou "o Vigo das persoas".

Pola súa banda, os grupos da oposición criticaron o orzamento proposto polo Goberno municipal, aínda que con posturas diferentes. Así, Xabier Toba, do BNG, xustificou o voto contrario do seu partido afirmando que se trata dun "documento sen ideas e sen orientación política, que contempla un gasto desmesurado". Representado o PsdeG-PSOE, que se abstivo, a concelleira María Graña dixo que o presente orzamento é "máis do mesmo" e está "cheo de baleiros". María Graña queixouse ademais de que a negociación precedente foi "insatisfactoria". Tamén optou pola abstención o Partido Galeguista. O seu concelleiro Manoel Soto afirmou que o orzamento de 2005 representa unha "mellora significativa con respecto ao pasado", aínda que "se poden mellorar".

A votación resolveuse segundo o acordado e os orzamentos aprobáronse bastando os votos a favor do PP. A alcaldesa Corina Porro agradeceu as "discrepancias constructivas" de tódolos partidos da oposición, así como as abstencións de PSOE e PG. Por último a alcaldesa deulle a benvida ao novo portavoz do BNG, Santiago Domínguez Olveira, na estrea do cargo e desexoulle o mellor ao dimitido Lois Pérez Castrillo, ao tempo que lle agradeceu a súa labor na Corporación Municipal.
Descargar todas as imaxes