Escoitar

A mostra "Camiño de Santiago: Luz e Vida" foi inaugurada na Casa das Artes de Vigo

Cinco fotógrafos galegos mostran a súa visión do Camiño acompañados e guiados polas letras de catro escritoras galegas. Natureza e arte conxúganse maxistralmente nos traballos dos artistas para pór de manifesto os múltiples significados da cultura xacobea.

mércores, 3 nov 2004
1099492615image2.jpg
A exposición Camiño de Santiago. Luz e Vida parte das imaxes de cinco prestixiosos fotógrafos galegos para pór de relevo a significación da cultura xacobea. Dende Compostela, o Camiño Inglés, a Costa da Morte e outros puntos da xeografía galega, Tono Arias, Vari Caramés, Xurxo Lobato, Tino Martínez e Juan Rodríguez mostran, dende as súas diferentes perspectivas, a esencia dunha ruta que segue a ofrecernos a cada paso valores e motivos aínda inéditos.

O patrimonio histórico e natural de Galicia é parte fundamental das imaxes que conforman as catro colecións que se poden contemplar en Camiño de Santiago. Luz e vida. Natureza e arte conxúganse maxistralmente na obra destes cinco artistas, que atopan un complemento esencial nas palabras de catro escritoras galegas que poñen voz ao feito fotográfico. Acompañada por textos de Ana Romaní, Marina Mayoral, Luisa Castro e Yolanda Castaño, a mirada destes cinco creadores trata de reflitir os símbolos, os contornos e as pegadas dos milleiros de camiñantes que foron conformando a ruta.

As catro coleccións fotográficas que configuran a mostra percorreron durante este ano xubilar diversos puntos de Europa para achegar ao público aspectos singulares do Camiño de Santiago. Viena, Bruselas, Tolouse, Munich, Cracovia ou Coimbra son algunhas das cidades polas que pasou esta exposición, organizada pola Sociedade Anónima de Xestion do Plan Xacobeo. Tras unha exitosa andaina por distintos países, o proxecto expositivo está acadando unha importante repercusión en Portugal.

Camiño de Santiago. Luz e vida fai un alto na súa xira europea para recalar en Vigo. Dende hoxe os habitantes da cidade olívica poderán achegarse a esta particular visión da Ruta Xacobea. A mostra será inaugurada ás 13.00 horas, na Casa das Artes e permanecerá aberta ao público ata finais de mes.
1099492615image2.jpg
1099492636image21.jpg
1099492658image3.jpg
Descargar todas as imaxes