Escoitar

Corina Porro entrevistouse coa organización de Correlingua 2005, que chegará a Vigo o 11 de maio

A carreira, que se celebra en 10 cidades e comarcas galegas, é unha das actividades dedicadas aos rapaces coa finalidade de espertar neles unha sensibilización pola nosa lingua.

xoves, 14 out 2004
1097759502corre.jpg
A alcaldesa Corina Porro recibiu hoxe a unha representación do comité organizador da carreira Correlingua, unha iniciativa da CIGA Ensino xunto coa Asociación Sociopedagóxica Galega (AS-PG), a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) e os diferentes equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino, que coa colaboración principal de cinco concellos galegos: Ferrol, Santiago, Lugo, Vigo e Pontevedra, e a contribución de diferentes empresas e institucións, como a Universidade de Vigo, fan posible esta carreira que conta cun presuposto de 25.000 euros.

A carreira Correlingua é a guinda dunha serie de actividades que a organización promove nos colexios coa tendencia de propiciar a reflexión e a sensibilización nos rapaces da importancia de utilizar e coidar a nosa lingua. Concursos, xogos, materiais didácticos, todo coa finalidade de introducir o uso do galego nas escolas e concienciar aos rapaces do importante papel que xogan na súa conservación. A participación dos nenos é manifesta no concurso que se ven efectuando para elixir un lema e un manifesto para a campaña. Este ano a idea é celebrar un concurso entre os escolares de primaria e secundaria para a elección do manifesto.

Correlingua 2005 iniciarase o 2 de maio e rematará o 13 do mesmo mes, pasando por as seguintes cidades e comarcas: Ferrol, A Coruña, Santiago, Ourense, Lugo, Vigo, Pontevedra, Baixo Miño, A Mariña e O Salnés. A cita en Vigo será o 11 de maio e espérase unha boa participación. O ano pasado correron uns 30.000 alumnos dos colexios galegos nas diferentes prazas onde se efectuou a carreira.
Descargar todas as imaxes